publicidade hoxe

Aroa Freije, ouro, e Raúl Blanco, bronce, na Copa de Europa de Portugal de pentatlón moderno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Os catro galegos presentes na Copa Intenacional Sant Boi

Os catro galegos presentes na Copa Intenacional Sant Boi

Aroa Freije e Raúl Blanco (ambos do Tri-Penta Terras de Lugo) seguen dando pasiños moi firmes no seu crecemento coma deportistas. Onte, ambos tiveron unha magnífica actuación na Copa de Europa Youth de Portugal de Pentatlón Moderno, que se celebrou na cidade de Pataias. Aroa Freije logrou a medalla de ouro na categoría feminina, mentres que Raúl Blanco foi terceiro e o mellor español dos tres presentes na proba. Esta proba é moi importante xa que os galegos sumaron moitos e importantes puntos para clasificarse para os Xogos da Xuventude, que terán lugar en China este ano.

Ambos deportistas foron moi regulares durante toda a proba, ocupando sempre as primeiras posicións. Aroa Freije foi a mellor na natación, cun tempo de 2:11:79, mentres que na esgrima perdeu algúns postos e ocupaba a cuarta posición ao remate desta proba na clasificación provisional. Pero a galega fixo unha combinada espectacular e logrou a primeira posición e a medalla de ouro nesta Copa de Europa. Con este triunfo, Aroa deu un paso importantísimo cara a clasificarse para os Xogos da Xuventude.

Na categoría masculina, Raúl Blanco estivo a un nivel excepcional en todas as probas. Comezou cun segundo posto na esgrima, para despois facer o sexto mellor tempo na natación (2:08:09), que o colocou na terceira posición só a falta da combinada. E nesta proba confirmou a súa regularidade no día de hoxe co cuarto posto e logrou esa importante medalla de bronce, por diante do outros españois presentes na proba.

Raul viaxou a Portugal acompañado por Joan Gispert (5º) e Lluis Shivell (7º), cos que adestra no CAR de Barcelona. Con este resultado, hai unha loita pechada por ese obxectivo, aínda complicado, de entrar nestes Xogos da Xuventude.

Tres medallas en Sant Boi. Ademais houbo tres medallas galegas na Copa Internacional de Pentatlón Moderno de Sant Boi de Llobregat (Barcelona), que se celebrou hoxe coa participación de deportistas de Italia, Francia, Cataluña e Galicia.

Na categoría infantil masculina houbo dobrete galego, xa que Martín Freije logrou a medalla de ouro e Javier Pena foi prata. Mentres que na categoría feminina, Andrea Vidal quedou moi preto do podio, con esa cuarta posición, e facendo unha natación moi boa (logrou o mellor tempo). E a terceira medalla galega chegou da man de Lucas Pena, na categoría alevín.

12 de abril de 2014 | 22:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.