publicidade hoxe

Agustín Hernández asina un convenio para a mellora dos accesos a área termal de Laias, en Cenlle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlleLocal PortadaOurense
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén Castro, asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo que se executarán obras de mellora do acceso á área termal de Laias, neste concello ourensán, dende a estrada N-120.

A Axencia Galega de Infraestruturas licitará esta actuación por un importe de case 188.000 euros, co fin de iniciar as obras no verán de 2014. Outra das obrigas da Consellería será a de aprobar o proxecto construtivo e achegar case un 80% do orzamento total (150.000 euros).

Pola súa banda, o Concello de Cenlle aportará o 20% restante (37.800 euros) e tamén será a súa obriga poñer os terreos a disposición libres de cargas e gravames, obter os permisos necesarios, licenzas e autorizacións e, por último, asumir a explotación, mantemento e conservación das obras.

Os traballos consistirán na rehabilitación do firme, na mellora dos sistemas de drenaxe para a evacuación das augas pluviais da calzada e na reordenación da sección da estrada para a mellora da seguridade viaria diferenciando os tráficos rodado e peonil.

Cómpre sinalar que o reducido ancho do espazo dispoñible entre edificacións impide executar dous carrís e senda peonil cos anchos normativos e, por iso, proxéctase un único carril con dous sentidos de circulación e executaranse sendas peonís de longo variable.

Dende a Consellería de Medio Ambiente destácase a importancia destas obras que melloran a calidade de vida dos veciños e poñen en valor os espazos públicos.

9 de abril de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.