publicidade hoxe

A XXIV Mostra do Encaixe de Camariñas érguese como dinamizador económico da zona e do sector artesán galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCamariñasLocal Portada
A-
A+
Inauguración da XXIV Mostra do Encaixe de Camariñas

Inauguración da XXIV Mostra do Encaixe de Camariñas

A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Sol Vázquez Abeal, salientou esta tarde na inauguración da XXIV Mostra do Encaixe de Camariñas a importancia deste encontro como dinamizador económico da zona e do sector artesán galego, así como escaparate da marca Artesanía de Galicia.

Vázquez Abeal destacou que Camariñas é clave no papel que xoga a artesanía como atractivo diferenciador da oferta turística de Galicia, e como vehículo para proxectar a nosa imaxe no exterior. Do mesmo xeito, resaltou que a Mostra está a consolidarse como punto de encontro para emprendedores artesáns, apostando pola innovación sen perder as raíces e os valores que caracterizan ao produto artesán galego.

Neste sentido, a directora xeral de Comercio lembrou que precisamente un dos tres grandes retos que se marca o primeiro Plan de Artesanía de Galicia, que vén de poñer en marcha a Xunta, é potenciar unha artesanía innovadora e transversal, promovendo a innovación, a cooperación con outros sectores produtivos como o turismo e a presenza dos produtos galegos artesáns na rede. Ao mesmo tempo, apóstase por afianzar a competitividade, reforzando un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento artesanal galego; así como por consolidar a marca diferencial, impulsando o posicionamento e prestixio da marca Artesanía de Galicia.

Nesta edición a Mostra do Encaixe de Camariñas contará con firmas de Brasil, Bélxica, Bulgaria, Estonia, Francia, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Suíza, que xunto cos obradoiros de encaixe galegos e nacionais e preto de trinta xoves deseñadores amosarán as súas creacións nun encontro que inclúe diferentes desfiles e un encontro de blogueiros, entre outras actividades.

16 de abril de 2014 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.