publicidade hoxe

A Xunta licita a restauración da cuberta do Santuario de Cadeiras cun investimento de 200.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoSober
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de abrir no día de hoxe o proceso de licitación para a realización dos traballos de restauración da cuberta do Santuario da Virxe de Cadeiras, no Concello de Sober.

A delegada territorial en Lugo, Raquel Arias, indicou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina preto de 200.000 euros (198.018,59 euros) para esta actuación.

A representante do Executivo galego referiuse á celeridade no procedemento do proxecto e da licitación da obra por parte dos técnicos do departamento de Cultura, co que se agarda que a obra estea xa en marcha durante o verán.

Deste xeito, considerou a delegada, agárdase que o templo poida ser disfrutado de novo en todo o seu esplendor ao longo deste mesmo ano, posto que o prazo de execución das obras está previsto en catro meses.

Características dos traballos

O proxecto de restauración da cuberta do templo, encargado e financiado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, prevé a construción dunha estrutura tradicional de madeira e a instalación dunha cubrición de tella, respectando a actuación provisional feita hai anos para a posta en uso do edificio.

O Santuario de Cadeiras é un edificio de estilo barroco do século XVIII, que non foi rematado, posto que non se construíron parte das naves laterais e una das torres-campanario da fachada principal. Esta situación engádelle un compoñente peculiar á edificación, pois presenta elementos construtivos insinuados e iniciados, pero carentes de resolución definitiva final e adecuada. Estes aspectos son especialmente relevantes nos encontros da fachada oeste.

3 de abril de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.