publicidade hoxe

A proba “Oca Augas Santas European Ladies Open” converterá Pantón en capital do golf

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPantón
A-
A+
Lete Lasa na presentación da proba. Foto: A. Varela

Lete Lasa na presentación da proba. Foto: A. Varela

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, expresou hoxe “a satisfacción da Xunta de Galicia ao comprobar que a aposta das administracións e da iniciativa privada polo desenvolvemento de proxectos que combinan turismo e deporte é unha aposta de éxito seguro, cando se realiza con calidade e profesionalidade”.

Lete Lasa participou esta mañá no acto de presentación do ‘Oca Augas Santas European Ladies Open Galicia’, celebrado no ‘Hotel Oca Puerta del Camino’, xunto coa directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, o presidente da Federación Galega de Golf, Daniel Fernández, o director do ‘Ladies European Tour’, Ignacio Evangelio, e o director do Hotel Oca Balneario & Golf Resort, Lalo Crespo.

Por segundo ano consecutivo, o ‘Oca Augas Santas Balneario e Golf Resort’, situado en Pantón (Lugo), converterá Galicia desde o 28 ao 31 de maio na única sede en España dunha das dezaseis probas do Ladies European Tour Access Series -LET Access Series 2014- que terán lugar en diversos países de Europa.

Isto suporá que en Augas Santas participarán 120 xogadoras, entre as que se atopan algunhas das mellores figuras do golf feminino nacional e internacional, permitindo ás xogadoras amateurs invitadas, incluídas catro deportistas galegas, xogar e competir durante unha semana ao máximo nivel.

O LET Access Series é o Tour Oficial de acceso ao ‘Ladies European Tour’, o principal circuíto do golf feminino en Europa. Nel poden participar todas as golfistas profesionais ou amateurs cun hándicap de 2 ou menor, sempre que sexan maiores de 18 anos de idade. As xogadoras do LET Access Series representan a 24 países e 4 continentes.

A parte competitiva e formativa do evento de Augas Santas estará precedida na véspera por unha exhibición de todas as xogadoras, consistente no lanzamento de bolas desde un catamarán nos Canóns do Sil ata un viñedo próximo, tendo como obxectivo uns cestos tradicionais de vendima sinalizados cunha bandeira de golf. O venres 30 de maio celebrarase un Clínic de Golf impartido por xogadoras do torneo para as categorías inferiores da Federación Galega de Golf e as escolas deportivas de Augas Santas.

Neste sentido, Lete Lasa valorou a programación do evento como “unha excelente maneira de promover o golf e o deporte en xeral na sociedade e especialmente entre os máis pequenos, contribuíndo á calidade de vida da poboación local” na que se asenta o hotel balneario e o campo de golf.

En Galicia, a modalidade deportiva do golf conta con preto de 12.000 licencias, ocupando o 7º posto entre as 19 autonomías españolas, e 23 clubs. Desde 2009 ata 2014, as axudas da Secretaría Xeral para o Deporte a través da Federación Galega de Golf suman 337.000 euros.

Lete Lasa finalizou a súa intervención lembrando que este tipo de actividades “contribúen non só ao desenvolvemento do deporte galego senón que tamén, ao ter lugar no interior da nosa comunidade, son unha magnífica ferramenta para favorecer o equilibrio territorial, a desestacionalización e diversificación da industria turística e, en definitiva, o crecemento económico das zonas máis rurais de Galicia”.

23 de abril de 2014 | 11:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.