publicidade hoxe

A matraca da Catedral de Tui volverá soar durante esta Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTui
A-
A+
Restauración da matraca da Catedral de Tui

Restauración da matraca da Catedral de Tui

Esta Semana Santa volverá soar a matraca da Catedral de Tui logo da restauración desta peza do século XVIII acometida polo Concello de Tui ao través do Obradoiro de Emprego “Tui Emprende”. 

A matraca é un instrumento de percusión composto en Tui por 8 tablóns de madeira con 16 martilletes que ao golpear produce un son  que tradicionalmente se usaba o Xoves Santo, Venres Santo e Sábado Santo.

O persoal do Obradoiro de Emprego “Tui Emprende” encargouse nas últimas semanas da restauración da matraca catedralicia, datada no século XVIII, e que estaba en desuso dende 1955. Esta mañá persoal do obradoiro foi o responsable de volver colocar esta peza no campanario da Catedral. Volverá facerse soar esta Semana Semana o Xoves Santo a partir das 17h e tamén ás 18:45h, antes dos oficios do día. O Venres Santo pola tarde, ás 17h, tamén volverá accionarse, coma antano, recuperando así o uso deste elemento singular da Semana Santa tudense.

A matraca usábase tradicionalmente nos pobos durante a Semana Santa para substituír o son e repique das campás que, en sinal de loito, debían permanecer en completo silencio do Xoves Santo  ata o Domingo de Resurrección.

O instrumento deixou de estar en uso en torno ao ano 1955 cando o Papa Pío XII cambiou a liturxia de Semana Santa desaparecendo das Catedrais o oficio das Tebras no que se usaba un gran candelabro triangular que sostiña 15 velas que se ían apagando alternativamente de dereita a esquerda ao finalizar cada un dos nove salmos de Maitines e os cinco das Laudes quedando só unha prendida que se retiraba tras o altar durante un tempo. Seguidamente realizábanse rezos que ao finalizar eran interrompidos co estrondo da matraca, a cal, no caso de Tui, era golpeada polos seminaristas.

Así, case 60 anos despois, a Semana Santa tudense caracterizarase de novo polo son percusionista da madeira coa súa matraca do século XVIII que volverá soar dende o alto da Catedral.

15 de abril de 2014 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.