publicidade hoxe

A Fundación TIC promociona a XXIII Festa da Faba de Lourenzá cun vídeo promocional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLourenzáLugo
A-
A+

O Patrón da Fundación TIC e Deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, presentou este mércores o DVD sobre a XXIII Festa da Faba de Lourenzá elaborado por un equipo da Fundación no que participaron bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS). Santos Ramos dixo que “este traballo é unha nova colaboración da TIC cos Concellos para difundir as actividades que organizan e promover a provincia”. Afirmou que neste caso se acadan varios obxectivos: “contribuímos a difundir unha das citas gastronómicas máis importantes do outono galego, promovemos un dos nosos produtos autóctonos xerador de riqueza no rural e, ademais serve de práctica nun escenario real ós nosos alumnos e titulados, un dos sinais de identidade do modelo formativo da TIC”.

O vídeo proxectouse na Casa Consistorial de Lourenzá, nun acto no que tamén participou a Alcaldesa, Enma Álvarez Chao. Segundo apuntou o Deputado, “ademais do DVD, de 12 minutos de duración, a TIC elaborou outro vídeo máis curto para a web do Concello e difundiu diversos produtos audiovisuais sobre a Festa na rede, en canles de televisión e en emisoras de radio”. O DVD recolle a ampla programación organizada polo Concello, incluídos os eventos lúdicos e deportivos e a exposición “Entre el recuerdo y su ausencia”, de David Catalá, así como a IV Ruta de Tapas con Fabas de Lourenzá.

Aposta polos produtos autóctonos

Santos Ramos destacou que “tanto a TIC como a Deputación apostan polos produtos autóctonos como unha fonte de riqueza para a nosa provincia e un factor que contribúe a asentar poboación na zona rural”. No caso da faba, a súa calidade vén determinada polo clima e as características do solo desta zona, así como as técnicas tradicionais empregadas. O resultado é unha leguminosa brillante, de pel fina polpa tenra, cunha agradable textura e un característico sabor.

A Festa da Faba de Lourenzá naceu en 1990 co obxectivo de promover o consumo deste produto de calidade. Desde entón, o evento experimentou un importante crecemento ate chegar a converterse nunha das citas gastronómicas máis destacadas da provincia. Declarada de Interese Turístico Galego en 2000, esta feira atrae a milleiros de persoas, que se achegan á localidade mariñá a primeira fin de semana de outubro. Na vixésimo terceira edición bateu récords de público e vendas.

9 de abril de 2014 | 21:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.