publicidade hoxe

A Deputación de Ourense aprobará o seu Código Ético no pleno de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Deputación de Ourense aprobará no pleno ordinario da Corporación provincial deste mes de abril o seu Código Ético e de Conduta, o primeiro dun goberno provincial. O presidente do ente provincial, Manuel Baltar, presentou hoxe en rolda de prensa as melloras introducidas no documento logo das reunións de traballo mantidas para analizar o texto, entre as que figuran aspectos fiscais, de transparencia e información o cidadán así como deberes de abstención profesional.

Logo de someter a estudo o documento previo, elaborado polo presidente, nas reunións de traballo celebradas os días 1,2 10, 11 e 14 de abril, a sistemática técnico-xurídica do texto definitivo queda dividido en 4 títulos, 16 artigos, 6 disposicións adicionais e 1 disposición final. No aspecto fiscal o texto reflicte que as declaracións de IRPF e Patrimonio dos cargos electos faranse públicas a través da web da Deputación, de xeito anual, en 5 días dende que remata o prazo legal para a presentación, e ademais, a presentación de dita declaración farase todos os anos que se ocupe o cargo e no ano seguinte o abandono do mesmo.

Asemade recolle o Código que o desempeño de cargos en órganos executivos de dirección de partidos políticos en ningún caso menoscabará ou comprometerá o exercicio das súas funcións.

Tamén destaca -en favor dunha maior transparencia-, xunto á retransmisión en tempo real a través do portal web da Deputación das sesión plenarias, a das comisións informativas; as reunións da Xunta de Goberno cando resolva asuntos por delegación do pleno, e outros actos de carácter institucional que determine a Presidencia da Deputación. Asemade, na web da Deputación figurará no perfil do contratante un cadro-resumo de todos os contratos en vigor.

Dentro dos principios do Bo Goberno do Código figura avogar por unha gobernanza provincial intelixente e sustentable e configurar o modelo organizativo como “provincia intelixente”. O texto reflicte tamén que o Comité de Ética é o “órgano independente” que velará polo cumprimento do Código Ético e de Conduta dos cargos electos e do persoal o servizo da administración provincial. Reunirase, aló menos, dúas veces o ano.

A Presidencia do comité será desempeñada polo vogal que máis tempo leve exercendo as funcións que posibilitaron a súa designación para formar parte do comité.

No que atinxe á colocación de placas en obras públicas, o Código recolle que a Deputación de Ourense comprométese a non colocar placas con nomes de persoas nas obras públicas que poña en funcionamento, e no referido a “abstención profesional”, o documento sinala que os membros da Corporación Provincial deberán absterse, unha vez finalizado o seu mandato e durante o prazo de tres anos, de desempeñar responsabilidades remuneradas que puidesen implicar trato de favor naquelas empresas coas que houbesen contratado durante o seu mandato ou con aquelas pertencentes o mesmo grupo de empresas.

Outra novidade é que o Código Ético e de Conduta será de aplicación tamén o conxunto do persoal o servizo do Inorde e doutros organismos autónomos, entidades públicas ou sociedades mercantís que puideran constituírse promovidos pola Deputación de Ourense, e que a Deputación de Ourense elaborará unha Carta de Servizos que reflicta a súa actividade e competencias. Un documento que informará á cidadanía sobre os servizos que xestiona a Deputación e os compromisos de calidade que fixa na súa prestación. Manuel Baltar afirma que esta Carta de Servizos “nos achegará máis o cidadán para poder compartir con eles todos os datos e información da deputación, para seguir facendo unha administración provincial cada vez máis transparente”.

Obxectivo

O código ten como obxectivo regular as normas éticas de referencia para os cargos electos e o persoal ao servizo da administración provincial, e procurar un comportamento profesional, ético e responsable, contribuíndo deste xeito a reforzar a aposta pola calidade democrática e a rexeneración do sistema institucional, establecendo mecanismos para incentivar o seu cumprimento. En definitiva, configurar unha ética pública común que evite a mala xestión e sirva para xeneralizar as boas prácticas.

O Código Ético da Deputación de Ourense circunscríbese só ao ámbito institucional, fronte a outros códigos éticos de ámbito político que abranguen aspectos referidos ás formacións políticas e os seus dirixentes.

Manuel Baltar afirma que é innegable que vivimos nos últimos tempos “unha importante desafección cidadá cara a política e ás institucións, públicas e privadas, administracións e altas maxistraturas do Estado ou entidades representativas da sociedade civil. A erosión da confianza da cidadanía na actividade política tense manifestado dun xeito evidente, o que obriga a institucións, aos partidos políticos e a representantes públicos a multiplicar esforzos para pór en valor a política e a súa funcionalidade para unha sociedade democrática nuns momentos particularmente complexos”.

Baltar considera que os representantes institucionais “debemos redobrar esforzos por restablecer o valor da política local e recuperar a confianza da cidadanía”. Neste contexto de maior esixencia pública, explica, “a política local en Ourense require un reforzamento do compromiso efectivo coas veciñas e veciños, un apuntalamento e exteriorización efectiva dos valores públicos, dos estándares de conduta e da actitude moral dos cargos públicos locais. E a esa finalidade atende esta proposta da presidencia do goberno provincial”.

22 de abril de 2014 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.