publicidade hoxe

A Deputación da Coruña inviste 160.000 euros en Vilasantar para o abastecemento de auga potable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaVilasantar
A-
A+
A Deputación da Coruña achegará ao Concello de Vilasantar 159.999,99 euros para dotar de auga potable á parroquia de San Vicente de Curtis.

Trátase da primeira fase dun proxecto que pretende facer chegar a rede de abastecemento á segunda parroquia máis grande de Vilasantar. Nesta primeira actuación, pagada integramente pola institución provincial, instalarase un depósito e construirase un tramo da rede de distribución de auga.

O depósito terá un volume de 250 metros cúbicos e localizarase no entorno dos Croios Brancos. Pola súa banda, a rede de tubaxe está formada por unha liña principal e por distintos ramais para dotar de auga potable aos núcleos de Ceao, Cezar, Eirixe, Fortaleza, Guillareo, Liñares, Mourengos, Pereiro, Peteiro, Seixo, Satan Mariña, Turío, Vaamonde, Vilarmaior, Vilar e Viso. En total, a actuación cubrirá as necesidades de 252 habitantes.

Para o presidente da Deputación, Diego Calvo, este investimento sitúase na liña que quere seguir a institución provincial de axudar a todos os concellos e máis con actuacións tan imprescindibles como esta, que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos veciños

Local social en Vilariño

Este convenio súmase a outros dous xa asinados co alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, por valor de 80.000 euros. Por unha banda, reformaranse as catro fachadas do local social de Vilariño, uns traballos que ascenderán a 30.000 euros e que inclúen a limpeza, recebo, pintura e encintado da fachada, ademais da substitución da cuberta e reparación do canalón e a baixada de pluviais.

Parque infantil

Por outra banda, a Deputación tamén reformará o espazo infantil da parroquia de Présaras. Este parque ofrecerá un dobre servizo porque, ademais de servir como zona de recreo ao colexio de Présaras, que ata o de agora non tiña área exterior, tamén poderá ser utilizado polos veciños da contorna ao contar con dúas entradas.

Ambos os dous proxectos serán asumidos en solitario pola Deputación provincial.

29 de abril de 2014 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.