publicidade hoxe

A Deputación da Coruña financia unha senda peonil en San Fins de Sales para mellorar a seguridade viaria en Vedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaVedra
A-
A+
O presidente da Deputación asinou esta mañá dous convenios co alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, grazas aos cales o ente provincial investirá preto de 100.000 euros no municipio santiagués.

A primeira das actuacións pasa por construír unha senda peonil na parroquia de San Fins de Sales, no lugar de Nande. A ruta seguirá a estrada municipal que une a CN-525 coa CP-8203 con obxectivo de dar servizo aos veciños do entorno. Segundo o alcalde, esta nova senda “é tremendamente necesaria”, xa que, segundo explicou, discorre por un lugar moi transitado tanto por peóns como por vehículos.   

Ata o de agora esta estrada non contaba con gabias, polo que supuña unha vía perigosa para os peóns. Coas obras, que estarán finalizadas no verán, ampliarase a plataforma por un dos seus lados e delimitarase o novo espazo peonil con bandas reflectoras. Ademais, a actuación incluirá unha rede de recollida de pluviais e 18 pozos de rexistro e sumidoiros. En total, o proxecto ascenderá a uns 86.584,26 euros, dos que a Deputación abonará o 63,25%, é dicir, 54.768,06 euros.

Tamén para dar servizo ao concello, a institución provincial facilitará 44.891,78 euros ao goberno local para a compra dunha furgoneta municipal, cuxo prezo se prevé en 56.114,73 euros (a Deputación aporta o 80%).

Este vehículo, segundo explicou o alcalde, destinarase ao traslado de material e ferramentas para executar as obras de albanelaría que desenvolve a brigada de obras do Concello, así como os traballos de xardinería e de protección civil que desenvolva o persoal municipal. A furgoneta será de caixa aberta, cabina sinxela e grúa traseira.

2 de abril de 2014 | 15:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.