publicidade hoxe

A Deputación da Coruña achega 240.000 euros á construción do pavillón polideportivo de Palmeira en Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRiveira
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, vén de asinar co alcalde de Riveira, Manuel Ruíz Rivas, un convenio para axudar ao financiamento da construción dun novo pavillón polideportivo multiusos en Palmeira. Trátase esta dunha vella demanda dos veciños desta zona que agora por fin se ve resarcida, pois as obras xa están en marcha.

A parroquia de Palmeira tiña ata o de agora unha carencia en servizos públicos. Aínda que dispón de varias asociacións, o Concello quixo saldar unha débeda cos veciños no que respecta a servizos públicos.

A achega provincial que recolle o acordo é de 240.000 euros, o que representa o 23,8% do orzamento necesario para levar a cabo a actuación, que ascende a 1.006.318,84 euros.

O edificio, con capacidade para 1.200 persoas, situarase na marxe este de Palmeira, por encima da estrada á Pobra do Caramiñal, nunha antiga leira denominada Horta do Bacelo e accederase a el a través deste viario.

O novo polideportivo está pensado como pista deportiva, pero tamén funcionará como centro cultural no que se poderán realizar proxeccións de películas, documentais, realizacións visuais, aula de informática, charlas, conferencias, concertos, festivais de música e calquera tipo de espectáculo público asociado a unhas instalacións deste tipo. “Buscouse a versatilidade”, sinalan dende o Concello, que agradece ademais a contribución da Deputación para levar a cabo este proxecto.

Cabe destacar que o edificio terá plena accesibilidade, de tal forma que se permita o acceso a persoas con mobilidade reducida, tanto ás bancadas coma aos vestiarios.

Proxecto

O edificio constará de dúas plantas e dúas entradas. No piso principal que da acceso ao pavillón estarán os chanzos, unha oficina de información. Na inferior, atoparase a pista deportiva, así coma catro vestiarios, aseos, almacenes, ximnasio, enfermería e a aula polivalente. Ademais haberá unha pérgola na entrada exterior e unha terraza. En total, a superficie construída chegará aos 2.457 metros cadrados.

16 de abril de 2014 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.