publicidade hoxe

A D. O. Rías Baixas presenta o seu Plan Director para os próximos 5 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Presentación do plan director da D.O. Rías Baixas

Presentación do plan director da D.O. Rías Baixas

O Plan Director da Denominación de Orixe Rías Baixas realizado pola Escola de Negocios da Fundación Novacaixagalicia conclúe que a aposta pola calidade e os procesos de internacionalización permitiron que as adegas e viticultores que a integran afronten a crise con menos dificultades que a media do sector e se enfronten ao futuro con esperanza. O secretario xeral de Medio Rural e Montes, o presidente do Consello Regulador da D. O. Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, e o director da Escola de Negocios da Fundación Novacaixagalicia, Eduardo García Erquiaga, presentaron este mediodía os resultados deste traballo de investigación no que se destaca a importancia do sector como xerador de emprego e potenciador da marca desta rexión vitivinícola para a promoción turística de toda a provincia. Neste sentido, o presidente do CRDO asegurou que “son optimista co futuro do sector”, mentres que Eduardo García afirmou que “a D.O. Rías Baixas é un sector estrataxico que crea emprego no medio rural, algo que ten un valor dobre ou triplo”, xa que “estamos a falar da sustentabilidade do territorio, especialmente nunha comunidade como Galicia”

O Plan Director xorde co obxectivo de reflexionar sobre como avanzou a Denominación de Orixe dez anos despois do primeiro Plan Estrataxico que en 2002 elaborou tamén a Escola de Negocios para este Consello Regulador. A análise que hoxe se presentou baséase en 117 enquisas a adegas e 400 a viticultores, ademais de entrevistas en profundidade con membros do sector, pero tamén nun plan de escoita en 486 restaurantes e vinotecas de toda España e as principais cadeas de distribución para obter, así, información específica sobre o mercado do viño para a Denominación de Orixe Rías Baixas.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, que acaba de cumprir 25 anos de historia, multiplicou neste período case por vinte as hectáreas de viña controladas, ata superar as 4000, integrou a máis de 6700 viticultores, herdeiros dos 492 pioneiros que fundaron esta denominación, das 14 adegas iniciais chegou a sumar 200, que durante a crise descenderon a 177 e conseguiu cualificar 20 millóns de litros de viño, case dez veces máis que os 2 millóns cualificados nas primeiras campañas.

XERADOR DE EMPREGO

O sector xera na zona un total de 7600 empregos directos estables e 5200 de carácter eventual nas épocas de maior actividade. Así, a Denominación de Orixe Rías Baixas achega máis do 7 % dos empregos directos dos concellos nos que se asenta, porcentaxe que se eleva ata o 12 % nas épocas de vendima. A súa incidencia é especialmente relevante no Val do Salnés, onde se concentran máis do 60 % da produción anual de uva e case o 70 % das adegas. Así, na Comarca do Salnés, a D. O. Rías Baixas supón máis do 13 % dos empregos fixos, unha porcentaxe que alcanza o 20% cando se suman as contratacións eventuais.

Ademais da súa importancia para o emprego, a Denominación de Orixe Rías Baixas axudou tamén a fomentar a imaxe de marca desta zona e a promoción turística da provincia en xeral, especialmente a través de iniciativas como a Ruta do Viño Rías Baixas ou as actividades de enoturismo desenvolvidas por algunhas adegas.

DECÁLOGO PARA O FUTURO

O Plan Director que se presentou hoxe en Pontevedra contén un decálogo sobre as estratexias que debe seguir a Denominación de Orixe Rías Baixas para mellorar a súa importancia socioeconómica e a súa posición competitiva. Así, o estudo recolle as seguintes recomendacións:

– Manter e mellorar a calidade dos viños.

– Continuar traballando para lograr un equilibrio entre o subsector da viticultura e o subsector das adegas.

– Fuxir do modelo productivista e manter así este elemento diferenciador respecto doutras denominacións de orixe.

– Traballar para a sustentabilidade ambiental da viticultura e da enoloxía.

– Converter a I+D+i nun elemento crave para o desenvolvemento do sector.

– Posibilitar a eficiencia da superficie de viñedo plantada en Galicia pero pondo límite ao crecemento.

– Traballar para o mantemento do emprego e o crecemento nos mercados e, sobre todo, na notoriedade da marca.

– Cooperar para o desenvolvemento de estruturas comerciais e marcas conxuntas para poder crecer no mercado nacional e avanzar no internacional.

– Potenciar a innovación, fonte dos éxitos das décadas precedentes.

– Profundar na profesionalización do sector fomentando a competencia, o compromiso e a formación.

A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Despois de adaptarse ao actual contexto socioeconómico que a situou diante de novos sistemas de xestión, a entidade continúa traballando a favor dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque continúa sendo consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

23 de abril de 2014 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.