publicidade hoxe

A colleita 2013 da D.O. Monterrei recibe a cualificación de “moi boa”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonterreiVerín
A-
A+

Coincidindo coa celebración da Feira do Lázaro en Verín, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei celebrou a Cata de Cualificación da colleita 2013. A cata desenvolveuse nun escenario de excepción, o claustro do Convento dos Mercedarios, situado na Praza da Mercé de Verín, e participaron como catadores unha representación das principais asociacións profesionais do sector, así como algúns dos membros do Panel Oficial da Denominación de Orixe Monterrei.

En total, quince viños, nove de viño branco e cinco de viño tinto, sometéronse ao xuízo do comité para valorar a presente colleita, no que supón unha mostra representativa dos viños que se elaboran na denominación, mantendo ademais nesta cata as proporcións reais de referencias brancas fronte a tintas da colleita en 2013. Deste xeito, as mostras sometéronse á análise de cada un dos catadores, que realizaron unha valoración “a cegas” de todas elas, para manter así criterios de obxectividade ao tratarse de mostras anónimas.

A “nota final” para a presente colleita resulta da media das puntuacións concedidas por cada catador a cada unha das mostras, incluíndo neste cálculo tanto as referencias de viños brancos como de tintos. Finalmente, esta puntuación trasládase a unha táboa de correspondencias onde se obtén a cualificación de colleita.

Na composición do panel de cata, o Consello Regulador priorizou criterios dunha representación variada e ampla do sector, a través das dúas asociacións de catadores existentes en Galicia, AGASU e Gallaecia, do sector elaborador, a través da Asociación Galega de Enólogos, así como da Asociación Galega de Catadores. Do mesmo xeito, integrouse na súa estrutura a algúns membros do Panel de Cata Oficial do C.R.D.O. Monterrei, dado o seu coñecemento da zona e dos viños da Denominación de Orixe.

Cualificada como “Moi Boa”, a colleita 2013 comeza a súa incursión no mercado; unha colleita que este ano en Monterrei alcanzou a cifra global de 2.316.533 Kg ( o 72% de variedades brancas), e na que participaron 371 viticultores, cunha superficie de cultivo de 437 hectáreas, e 22 adegas.

5 de abril de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.