publicidade hoxe

A Biblioteca provincial da Coruña sae á rúa con motivo do Día Internacional do Libro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
A Biblioteca provincial, dependente da Deputación da Coruña, organiza toda unha serie de actividades o mércores 23 para celebrar o Día Internacional do Libro. Entre elas destaca a biblioteca móbil, unha iniciativa que sairá á rúa para achergarse aos usuarios e dar a coñecer os servizos que ofrece o centro durante todo o ano.

Co mesmo obxectivo de divulgación realizarase unha visita guiada polas instalacións da biblioteca que inclúe unha pequena mostra de libros raros e valiosos dos que dispón este centro. Haberá dúas sesións, a primeira ás doce da mañá e outra ás seis da tarde. Neste caso, é preciso anotarse previamente no servizo de información antes de mañá, martes 22, ás 20.15 horas.   

Ademais, o centro organiza tamén unha “cita a cegas” cos libros na que os usuarios poderán elixir un préstamo sorpresa no recuncho preparado para esta actividade. Así, os lectores que o desexen poderán levar durante a xornada do mércores un libro empaquetado do que descoñecerán o título.

Actividades infantís

Para os nenos, funcionará tamén un obradoiro aberto a todas as idades no que os participantes realizarán unha postal e un marcapáxinas para conmemorar esta data. Será entre as 18 e as 20 horas no vestíbulo da biblioteca e a entrada será libre, sen necesidade de inscrición previa.

Aproveitando a data, a Biblioteca provincial organizará outros dous eventos. Por unha banda, tamén na entrada do centro, organizouse a exposición “De la tablilla a la tablet” sobre a historia do libro, e os distintos soportes de escritura que existiron ao longo da historia.

Por último, a partir das 19.30 horas, a biblioteca fará entrega dos premios do III Concurso Palabras de Amor polo que a persoa gañadora levará un netbook, o segundo un MP3, e o terceiro un lote de libros.

22 de abril de 2014 | 11:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.