publicidade hoxe

A ARD Muros-Noia avanza no Plan de Dinamización Turística para a consolidación do xeodestino Ría de Muros-Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMurosNoia
A-
A+

A Asociación Rural de Desenvolvemento (ARD) Muros-Noia celebrou na tarde de onte martes unha reunión en Lousame para avanzar na actualización do seu Plan de Dinamización Turística e co obxectivo de poder presentar un proxecto ante a Dirección Xeral de Turismo. A alcaldesa de Lousame e actual presidenta da ARD Muros-Noia, Teresa Villaverde, explica que “o obxectivo é conseguir unha achega plurianual para a consolidación do xeodestino Ría Muros-Noia”.

Na reunión celebrada no salón de plenos do Concello de Lousame participaron membros da Asociación Turística Comarcal Ría de Muros-Noia, empresarios e hostaleiros da comarca, así como técnicos dos municipios de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son para analizar as aportacións que poden achegar dende as súas responsabilidades para enriquecer e actualizar este proxecto. “Estamos traballando co obxectivo de poder chegar a tempo de conseguir algo de financiación para este mesmo ano”, apunta Teresa Villaverde.

Deste xeito, a Asociación Rural de Desenvolvemento (ARD) Muros-Noia segue avanzando no seu apoio á consolidación do xeodestino Ría Muros-Noia, co obxectivo de revitalizar turísticamente unha comarca que posúe un gran potencial a nivel cultural, patrimonial e paisaxístico. Unha desas actuacións é o recoñecemento oficial do Camiño de Muros e Noia como Camiño de ida e volta entre Fisterra e Santiago de Compostela, proposta presentada o mes pasado pola Asociación Turística Comarcal Ría de Muros-Noia.

16 de abril de 2014 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.