publicidade hoxe

300 xoguetes ferroviarios poderán contemplarse ata maio no Museo de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPontevedra
A-
A+
Rafael Louzán na visita á mostra

Rafael Louzán na visita á mostra

300 xoguetes ferroviarios, entre eles varias pezas únicas nunca antes expostas ó público, poderán contemplarse desde mañá, venres 11 de abril, e ata o vindeiro 8 de maio no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Forman parte da exposición Historia do tren de xoguete español coa que a Deputación conmemora a chegada do primeiro ferrocarril a Pontevedra, o 16 de maio de 1884.

Desta data é, precisamente, a peza máis antiga das que compoñen a exposición, que se estende desde esa data ata a década dos 80 do pasado século, nun “magnífico percorrido” pola evolución non só deste xoguete en concreto, senón dos métodos, materiais e deseños empregados na industria xogueteira ao longo dun século.

Tal e como indicou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na presentación, esta exposición é un paso máis na “aposta pola diversificación da oferta do Museo” coa que se pretende atraer a atención de “cativos e non tan cativos”.

Faise, ademais, coincidindo co 130 aniversario da chegada do tren a Pontevedra, polo que ademais das pezas de xoguete, os visitantes poderán tamén coñecer a través de recortes de prensa de finais do século XIX e principios do XX o marco no que se produciu esa primeira entrada do tren na cidade do Lérez.

Unha viaxe en tren turístico polas zonas polas que pasaba a antiga vía, con explicacións técnicas e históricas, servirá de complemento á exposición, para adentrarse máis de cheo no que significou este feito histórico.

Xoguetes con arte

Louzán incidiu en que, malia que se trata de xoguetes, as pezas que se expoñen teñen, en moitas ocasións, características de “obras de arte”, dados os coidados deseños, os procedementos empregados na súa elaboración e a calidade dos mesmos.

Neste sentido, o comisario da mostra, José Antonio Quiroga, incidiu en que esta “é a exposición de xoguetes máis completa que se pode visitar agora en España”, e permite achegarse á evolución dos materiais empregados nesta industria, desde a folla de lata, pasando pola madeira, o celuloide e rematando co plástico dos anos 80.

Un amplo percorrido con “obras mestras admiradas por coleccionistas de todo o mundo”, como o conxunto de 14 xoguetes da marca Hispania, elaborados por follalateiros do Barrio de Gràcia de Barcelona e entre os que figuran 11 pezas que nunca antes foran expostas ó público.

Outra das pezas destacadas é un tren de madeira de 1918, do considerado pai do construtivismo Joaquín Torres García, que durante unha época se encargou de deseñar xoguetes. A fábrica para a que os deseñaba ardeu e quedaron moi poucos exemplares que agora están en museos coma o MOMA e dos que tamén a colección Quiroga-Monte posúe algún, como o antedito tren que agora se expón en Pontevedra.

Conxunto destacado é tamén o composto polas únicas 11 pezas realizadas polo alemán Enrique Keller e entre as que figuran locomotora, ténder e coches de pasaxeiros.

E para facerse unha idea do que era todo un mundo ferroviario de xoguete nos anos 40, a exposición presenta unha composición de máis de 100 pezas cos elementos máis variados do mundo do tren, desde estacións, andéns, depósitos de locomotoras, gardaagullas, depósitos de auga, despacho de billetes e trens.

Outras pezas destacadas son os primeiros trens de Jorge e Enrique RAÍS (1884-1910), que se expoñen tamén por primeira vez en España; numerosas estacións de tren de principios do século XX e que non só permitirán ao visitante achegarse á excepcional elaboración de xoguetes da época, senón tamén a un tipo de arquitectura industrial moi peculiar e que tivo a súa representación nesta cidade na vella estación de Campolongo; un tren de madeira de 1918; a mítica Mastodonte de 1930; a primeira Máquina eléctrica; trens de chapa de latón estampada; unha recreación do Talgo realizada por Ibertren na década dos 70 ou o Electrotren coa súa Locomotora diesel Renfe, de 1980.

10 de abril de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.