publicidade hoxe

Vedra acolle esta fin de semana a primeira proba local do programa “Xogade” de duatlón escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVedra
A-
A+

Este sábado 15 de marzo comezará o programa “Xogade” de Duatlón Escolar 2014 coa disputa da primeira proba zonal, que se celebrará en Vedra (11:00 horas). Nesta proba, clasificatoria para o provincial, están inscritos 158 deportistas.

A proba ten como punto de saída, boxes e meta a Carballeira do Souto, o mesmo sitio onde pola tarde celebrarase o I Duatlón Concello de Vedra. No duatlón escolar as distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín –onde haberá 32 participantes- as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín (59 rapaces) as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil (39 participantes), 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete (28 duatletas) son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.

O programa está formado por oito probas locais que son clasificatorias para as provinciais, de onde sairán os participantes na final galega. Clasifican para a provincial os 25 primeiros clasificados de cada categoría (masculino e feminino), ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.

13 de marzo de 2014 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.