publicidade hoxe

Uns 400 deportistas daranse cita na primeira proba da Transgalaica 2014 en Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

Uns 400 deportistas procedentes de diversos puntos de España daranse cita este domingo en Cotobade para participar na primeira proba da Transgalaica 2014.

As deputadas Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez, xunto co presidente do Club Ciclista Monteferro, Javier Sánchez, o xerente da Federación Galega de Ciclismo, Ricardo Terceiro, e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, presentaron esta mañá a proba na Deputación, nun acto no que salientaron o auxe que está vivindo o ciclismo na provincia e en Galicia.

Neste sentido, Ricardo Terceiro destacou o papel do organismo provincial na promoción do deporte en xeral e do ciclismo en particular, incidindo en que o número de actividades deportivas e de federados non para de medrar. Así, indicou que fronte ós 190 eventos que a Federación tivo no pasado ano 2013, este ano serán 214; ó que hai que sumar que as 3.500 licencias ciclistas de hai tres anos están xa a piques de se converter en 6.000, o que demostra a boa saúde do ciclismo en Galicia.

Pola súa banda, Begoña Estévez destacou tamén que a implicación da Deputación co deporte busca tanto a dinamización social e turística dos concellos como, sobre todo, impulsar a igualdade de oportunidades. Nesta liña, lembrou que a institución provincial está levando, a través das  escolas deportivas, a posibilidade de practicar deportes diferentes ós concellos pequenos e medianos do interior que, doutra forma, non terían esta oportunidade.

Incidiu, neste sentido, no esforzo que desenvolven os alcaldes destes concellos que, coma o de Cotobade, están a demostrar un compromiso real coa dinamización dos seus municipios, tanto coas ditas escolas deportivas como apoiando e atraendo ás súas localidades eventos deportivos coma o hoxe presentado.

Un evento co que o rexedor local, Jorge Cubela, se comprometeu plenamente, asegurando que a súa intención é seguir apoiándoo “mentres eu sexa alcalde”, dado que xoga un papel primordial “na dinamización turística e deportiva do concello”.

Neste sentido, subliñou a repercusión das anteriores edicións, “nas que se encheron os bares e locais do concello” porque tanto os participantes coma os espectadores “consumiron en Cotobade”.

Cinco anos consecutivos

Este é o quinto ano consecutivo no que a Transgalaica 2014 comeza en Cotobade, nun circuíto de 27 quilómetros no que os participantes terán que completar dúas voltas, facendo así un percorrido total de 54 quilómetros.

A proba disputarase na categoría masculina absoluta (subcategorías S23, Elite, Sénior, M30, M40, M50, M60 e para as licenzas dun día) e feminina absoluta (S23, Elite, Máster e licenzas dun día). Ademais, e co obxectivo de que poidan sumarse tamén aqueles ciclistas que non desexan entrar na competición propiamente dita pero que si desexarían facer este percorrido, establécese a modalidade cicloturista. Os participantes nesta modalidade farán o mesmo percorrido e co mesmo horario (sairán só uns minutos máis tarde) que a proba de competición, pero sen entrar na clasificación xeral.

A organización agarda acadar os 400 participantes, con 350 en competición e uns 50 en cicloturista.

Nestes momentos son xa 311 os deportistas inscritos, tanto de Galicia coma doutras partes de España (especialmente de Asturias e Castela e León) e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 20:00 horas do xoves, 6 de marzo.

A proba completarase cunha segunda rolda en Tui, o 6 de abril, e unha terceira en Castrelo de Miño (Ourense), o 4 de maio.

3 de marzo de 2014 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.