publicidade hoxe

Unhas catrocentas persoas disfrutaron da Festa de Disfraces de Frades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
Entroido en Frades

Entroido en Frades

Unhas catrocentas persoas asistiron na tarde/noite deste domingo á gran Festa de Entroido e ao Concurso de Disfraces, organizados polo Concello de Frades. A choiva e o frío non minguaron as gañas de festa dos presentes, que disfrutaron da festa no pavillón polideportivo de Pontecarreira durante algo máis de tres horas.

A festa incluíu un obradoiro de maquillaxe, dous inchables e moita música e baile. Ademais, os pequenos disfrutaron tamén da presenza de dous convidados moi especiais: Mickey Mouse e Winnie de Pooh. Durante toda a xornada, o Concello de Frades convidou a todos os presentes a palomitas e a chocolate quente con bolos.

Dominio local

No que atinxe ao Concurso de Disfraces, o número de participantes foi similar ao de anos anteriores, sobre todo procedentes das distintas parroquias de Frades e de municipios veciños como Ordes ou Oroso. Os grandes gañadores da noite foron os integrantes da comparsa “Algo pasa na granxa”, de Poulo (Ordes), que levaron o premio de 300 euros ao mellor grupo adulto. O segundo premio foi para “Graos de café” (Frades), que levaron 150 euros; e o premio especial de 120 euros á mellor comparsa do Concello foi para “Os pallasos da tele”, os gañadores da edición de 2013 e que estaba integrada por veciños e veciñas de Vitre (Frades). Na modalidade de individual adultos, o primeiro premio de 100 euros foi para “Tío Pepe” (Oroso); mentres que o segundo premio foi para “Huevilandia”, de Galegos (Frades).

Na categoría infantil, o grupo gañador foi “Pitufos” (Frades) mentres que o segundo premio foi para “Titiriteros” (Frades), que levaron 100 e 50 euros, respectivamente. Finalmente, na modalidade individual infantil os premios foron para “Dous namorados”, de Moar e Vitre (Frades) e “Furby”, de Gafoi (Frades). Levaron 60 e 30 euros, respectivamente.

Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey; polo deputado autonómico Miguel Prado e polos concelleiros Manuel Ferreiro e Ángeles Álvarez. Unha vez rematada a entrega de premios, repartiron tamén lambonadas entre todos os cativos presentes, o que deu paso a unha gran festa de animación e á chocolatada gratuíta con rosca.

3 de marzo de 2014 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.