publicidade hoxe

Unha quincena de alumnos do Pino beneficiáronse das accións formativas por valor de 47.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Pino
A-
A+

Un total de 15 alumnos beneficiáronse do curso promovido pola Xunta de Galicia, a través do programa de Accións Formativas para Desempregados (AFD), no municipio do Pino. A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde, Manuel Taboada, participou esta mañá na entrega dos diplomas acreditativos destas actividades, nas que a Consellería de Traballo e Benestar investiu 47.521 euros.

O curso, desenvolvido en colaboración co concello, serviu para formar aos asistentes nas tarefas de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Tivo unha duración de 468 horas e contou con diversos bloques de formación teórica e práctica impartidos por profesionais destas materias para preparar e apoiar as intervencións aos dependentes e o seu ámbito no eido institucional, así como desenvolvelas deste o punto de vista da atención física, socio-sanitaria e mesmo psicosicial.

Segundo indicou Do Campo, “a oferta de cursos adáptase ás expectativas laborais actuais e, neste caso, son bastante boas, pois céntranse no desenvolvemento da Lei de Dependencia, para a que fan falla traballadores cualificados e con formación específica”.

O obxectivo deste programa é a inserción laboral dos traballadores e traballadoras desempregados naqueles sectores estratéxicos que requiren o sistema produtivo e as empresas. A delegada territorial destacou a importancia da formación como “aspecto clave para conseguir reducir as taxas de desemprego”.

Na comarca de Arzúa, este é o terceiro curso que a Xunta está a levar a cabo neste exercicio tanto en colaboración cos concellos como con algunha entidade. Así, o concello de Touro tamén ten programado outra acción formativa na especialidade sociosanitaria, mentres que no municipio de Arzúa estase a impartir un curso dirixido á obtención do permiso de condutor de camión pesado. Nestas tres iniciativas, o Goberno galego está a investir case 145.000 euros para propiciar a participación de 45 alumnos, que recibirán 1.324 horas de formación.

14 de marzo de 2014 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.