publicidade hoxe

Unha agrupación de 6 concellos, encabezada por Mos, solicitará unha subvención de iluminación pública exterior

Os concellos de Mos, Fornelos de Montes, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas e Salceda de Caselas asinaron un convenio de colaboración polo cal acordaron designar a Nidia Arévalo, alcaldesa mosense, interlocutora e representante das seis administracións integrantes desta agrupación creada para optar a unha subvención para proxectos de aforro e eficiencia enerxética referidos á renovación das instalacións de iluminación pública exterior.

Dita subvención, cuxa solicitude xa foi presentada pola agrupación de concellos encabezados e representados polo de Mos, foi convocada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), e está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

Os beneficios de facer efectiva a agrupación dos seis concellos para esta xestión son que para a asociación de municipios increméntase a contía máxima da subvención a conceder e aumenta a puntuación á hora de optar á mencionada subvención.

A contía total da axuda solicitada para os seis concellos ascende a 270.539,46 euros, sendo 59.999,99 para o de Mos, 53.089,11 euros para Fornelos de Montes, 37.450,36 euros para Mondariz, 20.000 euros para Mondariz Balneario, 40.000 euros para Ponteareas e 60.000 euros para Salceda de Caselas. No caso de Mos, o proxecto que se acometería cos 60.000 euros correspondentes sería de aforro enerxético no alumeado público da Avenida de Sanguiñeda.

Unha vez concedida a subvención, a contratación para a obra de execución de cada proxecto farase dende cada un dos concellos de xeito individualizado.

O principal obxectivo do emprendemento deste proxecto común de seis localidades veciñas é colaborar na xestión compartida da mellora da eficiencia enerxética e iluminación pública mediante a renovación das instalacións existentes baseadas en tecnoloxías obsoletas por outras actuais e máis eficientes aplicando criterios de aforro. Coa inversión total da subvención (algo máis de 270.000 euros), de ser concedida, nun ano acadaríase un aforro de 46.556,27 euros que implicaría a amortización do invertido inicialmente en menos de seis anos.

Ademais, mediante a agrupación de concellos conséguese tamén a uniformidade de luminarias, soportes, cadros e sistemas de control que proporcionarán un considerable aforro en compras e instalación. Así mesmo as tarefas de mantemento e explotación optimizaranse, e poderanse realizar negociacións máis ventaxosas no que se refire a mellores prezos do Kw contratado. A agrupación de concellos permite tamén traballar con parámetros lumínicos uniformes evitandos os indesexables contrastes de intensidades luminosas e uniformidades, de xeito que se acaden mínimos de potencia ofrecendo niveis confortables e se consigan aforros enerxéticos significativos da orde do 50% o incluso máis.

As instalacións subvencionables mediante esta axuda son sistemas de iluminación viaria funcional e ambiental que deberán cumprir certos requisitos técnicos tales coma: sistema de acendido por reloxo astronómico, lámpadas cun rendemento lumínico mínimo de 65 lm/W, luminarias pechadas con aloxamento de equipamento, sistema de dobre nivel, cumprir co Real decreto 1890/2008 e acadar unha cualificación enerxética A ou B.

13 de marzo de 2014 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.