publicidade hoxe

Un proxecto de eficiencia enerxética permitirá aforros de máis do 70% no Saviñao, Sober e Pantón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO SaviñaoPantónSober
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe as actuacións de mellora da iluminación pública levadas a cabo no Saviñao. Durante a visita, Bernardo Tahoces subliñou a importancia dun programa que está a permitir impulsar distintos proxectos de cooperación municipal entre os que se atopa o desenvolvido no Saviñao, Sober e Pantón, con aforros de máis do 70% na factura eléctrica das zonas beneficiadas.

Neste sentido, a actuación supón un aforro na factura eléctrica anual da agrupación de case 13.000 euros, e un aforro enerxético de 92.000 KWh/ano. Deste xeito, o concello do Saviñao aforrará por exercicio máis de 2.000 euros; Sober, case 4.000 euros; e Pantón, 6.700 euros. O conxunto das novas instalacións implican unha redución das emisións á atmosfera de máis de 60.000 Kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de máis de 3.000 árbores.

Bernardo Tahoces, que visitou as melloras en compañía do alcaldes dos tres concellos lucenses que integraron esta asociación municipal, salientou a importancia dun proxecto de colaboración que ten permitido “mellorar a eficiencia enerxética das tres vilas” contribuíndo a diminución dos custos na súa factura eléctrica. “A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou.

Neste contexto, o director xeral recordou o éxito alcanzado por este programa nos últimos anos, mobilizando desde o 2009 máis de 23 millóns de euros en diversos actuacións de eficiencia enerxética contribuíndo á mellora da iluminación pública 170 concellos galegos. Ante a importancia destas cifras, explicou Bernardo Tahoces, a Xunta abriu este ano unha nova convocatoria, que incrementou o seu orzamento nun 15% ata chegar aos 4,5 millóns.

Con esta actuación, resaltou o director de Enerxía e Minas, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”. Neste sentido, lembrou que a convocatoria do ano pasado impulsou actuacións de eficiencia enerxética en máis de 20 municipios da provincia, contribuíndo á mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

14 de marzo de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.