publicidade hoxe

Un convenio permitirá a construción dunha glorieta na estrada Xinzo-Bande (OU-301) para mellorar a seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseXinzo de Limia
A-
A+

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou hoxe co alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, o convenio de colaboración para a mellora da intersección da estrada OU-301 (Xinzo–Bande), no pq 0+770. Nesta visita tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

O Goberno galego achega un orzamento de preto de 150.000 euros (140.558,51) para a execución destas obras de mellora de seguridade viaria.

A estrada OU-301, pertencente á rede secundaria de estradas da comunidade autónoma, ten o seu inicio en Xinzo de Limia. No punto quilométrico 0+770 desta estrada, nos límites urbanos da vila, conflúen tres viarios: o das rúas Pista da Armada e Dous de Maio e a estrada provincial OU-1112. Na actualidade esta intersección de cinco saídas resólvese mediante un carril de xiro.

Hernández explicou que a reforma desta intersección ten como finalidade mellorar a seguridade viaria mediante o deseño e construción dunha glorieta que distribúa a circulación. Así mesmo, ampliarase a calzada nos treitos nos que sexa necesario e rehabilitarase o firme existente.

Explicou que esta actuación é un bo exemplo dos obxectivos da Xunta no que se refire ás estradas, centrados na mellora das infraestruturas e do conxunto de variables que poidan incidir na redución da siniestralidade. Así, dos 306 millóns de euros que a Axencia Galega de Infraestruturas mobilizará este ano, un total de 190 millóns, o 62%, diríxense a actuacións de conservación e seguridade viaria.

Outras actuacións en Xinzo

Hernández tamén lembrou que o seu departamento ten en marcha obras no concello de Xinzo por importe de máis de 500.000 euros que permitirán mellorar o saneamento de diferentes zonas do municipio, como é o caso da conexión do Pobo da Pena coa depuradora de Trandeiras e o colector xeral de San Pedro de Laroá, dúas actuacións que estarán rematadas o vindeiro mes de maio.

Praza en Sarreaus

O conselleiro de Medio Ambiente tamén visitou hoxe a praza pública de Perrelos, un núcleo do Concello de Sarreaus, que foi obxecto dunhas obras de acondicionamento, froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o municipio ourensán.

O departamento que dirixe Agustín Hernández realizou un investimento de máis de 63.000 euros nas obras de adecuación levadas a cabo nesta contorna.

A praza articúlase nun cruce de camiños e ao redor da capela do pobo. Ademais de zona de xogos dos nenos e lugar de encontro, é o sitio no que se realizan as festas patronais e todas as celebracións públicas dos veciños. Estaba degradada polo emprego de materiais, como o formigón e o asfalto, que desvirtuaban o seu valor arquitectónico.

As actuacións executadas consistiron na demolición da soleira de formigón existente para poder manter a cota e o estendido dunha nova pavimentación en lastro de granito e pedra morena. Tamén se colocaron bancos de estrutura de tubo de aceiro e respaldo de taboíñas e papeleiras de forma oval con cubeta basculante de ferro.

Plan Hurbe

Esta actuación está enmarcada no Plan Hurbe, que ten como obxectivo recuperar os espazos de encontro dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial fixando poboación no medio rural. Dende a súa posta en marcha en 2010, o Plan leva propiciadas un total de 77 actuacións en distintos concellos galegos, cun investimento de preto de 90 millóns de euros.

Como exemplos na provincia de Ourense citou a adecuación da contorna do Templo de Veracruz, no Carballiño, actuacións de mellora realizadas en Cartelle ou San Amaro, ou a que se está a realizar en Boborás para mellorar o acceso ao cemiterio de Arenteiro.

17 de marzo de 2014 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.