publicidade hoxe

Sober destinará a recadación do concerto de Carlos Núñez ao arranxo dos Pendellos de Cadeiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSober
A-
A+

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, anuncia que a recadación procedente das entradas para o concerto que Carlos Núñez ofrecerá no santuario de Cadeiras o próximo 12 de abril se destinarán integramente a sufragar parte do arranxo dos pendellos, derrubados polo temporal, así como ao acondicionamento da contorna.

O Goberno local destinará fondos propios a rehabilitar os pendellos e completará ese orzamento coa recadación da entrada simbólica que os asistentes aboan pola actuación, dez euros. O Concello de Sober puxo as entradas á venda e aínda queda 30 a disposición dos veciños e veciñas que estean interesados.

Curso de cata

Mañá mércores 26 dará comezo o curso de iniciación á cata de viños que se prolongará ata o venres 28 e estará centrado nos viños da Ribeira Sacra da zona de Amandi. A actividade enmárcase nos actos programados dentro do Mes do Amandi, a antesala da XXXIV Feira do Viño de Amandi que terá lugar os días 12 e 13 de abril.

O éxito da proposta fixo que o Concello organizara un novo curso para a semana próxima, do 2 ao 4 de abril. Entre ambas as dúas actividades formaranse na cata 30 persoas, 15 cada semana.  

A actividade, organizada en colaboración con Eidotec, será impartida pola doutora en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos Mariana González Álvarez. O curso desenvolverase na Casa de Sober en horario de tarde, entre as 20:00 e as 22:00 horas.

25 de marzo de 2014 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.