publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Presentouse o Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo no concello de Cartelle en Ourense

O I Festival Internacional de Cine Carlos Velo, que se celebrará os vindeiros 20 e 21 de xuño no concello ourensá de Cartelle, localidade natal do cineasta, e Celanova, onde Arraianos e Lareira Pop desenvolven a súa actividade, recibe o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Durante a presentación que tivo lugar na mañá de hoxe sábado, Xesús Vázquez sinalou o festival como “un escaparate para o traballo anónimo dunha morea de creadores que están a recoller a memoria do pobo galego para que a nosa historia deixe a súa pegada audiovisual para as xeracións vindeiras”.

Así mesmo, salientou a súa importancia como impulso ao rural e á súa dinamización. “Falamos dun cine que non ten cabida de forma habitual nos circuítos comerciais, polo que este festival se vai constituír ademais como referente dun público que busca contidos de calidade fóra das grandes producións e salas, e que vai converter o próximo 20 e 21 de xuño a Cartelle e o Centro Educativo, Comunitario e Terapéutico A Chaira de Amoroce, de Arraianos, en Celanova, en epicentros culturais de creadores e público”.

O conselleiro agradeceu a colaboración das entidades promotoras, organizadoras e os colaboradores, polo seu apoio ao festival, “que é un respaldo claro á cultura de base en Galicia, o que constitúe tamén unha das liñas prioritarias de actuación da Consellería de Cultura e Educación. Ademais, transmitiu aos organizadores os seus parabéns “por ter unido forzas en prol desta nova actividade cultural, á que lle desexamos o maior dos éxitos; unha felicitación que tamén estendo ao Concello de Cartelle por ter visto no festival unha oportunidade especial para o impulso da zona a través da nosa cultura”.

Na presentación estiveron presentes, ademais, o delegado da xunta na provincia, Rogelio Martínez; a alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte; representantes das diferentes entidades colaboradoras no festival, así como varios membros do xurado e os directores do IFICCVelo, Aser Álvarez e Inés Vázquez; e Francisco Macías, de Edicións Positivas.

Debate contemporáneo sobre o futuro do medio rural

O Festival Internacional de Cine Carlos Velo nace coa vontade de ser un espazo de encontro para os profesionais do sector audiovisual, así como un espazo de debate arredor da conservación e posibilidades de desenvolvemento do rural, procurando ademais a posta en valor e recuperación do patrimonio material e inmaterial ligado a esta forma de vida.

Ao tempo, búscase render homenaxe á figura de Carlos Velo, nado en Cartelle en 1909 e convertido co seu exilio nunha figura clave do cinema mexicano. Neste sentido cómpre sinalar que a Consellería de Cultura e Educación é promotora, impulsora e protectora da súa obra, non só apoiando este encontro senón tamén protexéndoa a través do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

Así mesmo, a cita busca dinamizar a vida cultural das Terras de Celanova, convertendo a estes municipios en referente do cinema, do audiovisual e do mundo rural de Galicia e dos pobos do mundo durante as dúas xornadas que vai durar esta primeira edición.

O FICCVelo está organizado polos colectivos Lareira Pop e Arraianos, e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Deputación provincial de Ourense e dos Concello de Cartelle.

O prazo de envío de material para o festival remata o 17 de maio. As bases poden consultarse nos webs www.festivaldecinecarlosvelo.com e en www.uptofest.com

15 de marzo de 2014 | 10:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.