publicidade hoxe

Os veciños de Sober terán prioridade para asistir ao concerto íntimo de Carlos Núñez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSober
A-
A+

O Concello de Sober porá a disposición dos veciños e veciñas as entradas para o concerto íntimo que o músico Carlos Núñez ofrecerá na Igrexa de Cadeiras o primeiro día da Feira do Viño de Amandi, o sábado 12 de abril. Os pases serán numerados con fila e asento de maneira que todo estea debidamente planificado atendendo á importancia do evento.

A previsión do Concello é que poidan participar da actuación arredor de 250 persoas. O Goberno local porá á venda as entradas para os veciños de Sober (máximo dúas por persoa) entre o luns 24 de marzo e o 31 do mesmo mes a un prezo de dez euros. A idea, segundo explica o alcalde, Luis Fernández Guitián, é que “xa que Carlos Núñez quixo agasallarnos con este concerto íntimo, sexan os veciños de Sober os que teñan prioridade no acceso”.

A partir do luns 31 a venda de entradas abrirase tamén ás persoas de fóra da localidade. Se queda algunha entrada dispoñible ata a data do concerto poderase adquirir na entrada do santuario ese mesmo día.

Sábado, presentación do Mes do Amandi

Este sábado día 15 de marzo o Concello de Sober levará a cabo a presentación oficial do Mes do Amandi, a antesala da XXXIV Feira do Viño de Amandi. No acto daranse a coñecer numerosos actos e farase público o cartel da feira deste ano. Entre as actividades xa anunciadas, figura a visita que os Bolechas farán a Sober o próximo día 5 de abril para presentar o libro Os bolechas en Sober.

11 de marzo de 2014 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.