publicidade hoxe

Os escolares de Culleredo convértense en bombeiros por un día de man de Protección Civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+
Demostración cos escolares

Demostración cos escolares

Os pequenos de Culleredo descobren o funcionamento das forzas de seguridade municipais. O Concello promove un programa de actividades dos escolares dos diferentes centros de ensino nas instalacións de Protección Civil, denominado “Educación para a seguridade viaria e cidadá”.

Hoxe, os alumnos de 5º de Primaria do CEIP Sofía Casanova de Vilaboa convertéronse en pequenos bombeiros na sede de Protección Civil. Os efectivos prepararon un programa intenso de actividades para que puidesen coñecer en primeira persoa o traballo dos bombeiros.

O lume foi o gran protagonista dos exteriores. Simuláronse dous incendios que, tras as pertinentes explicacións, eran apagados polos pequenos, un mediante mangueira e outro mediante extintor. O comportamento das chamas ante a forma diferente de aplicar a auga chamou especialmente a atención dos pequenos.

Dentro das instalacións existían varias actividades: a reanimación cardio-pulmonar a un ferido; a proxección dun vídeo; ou unha mostra do equipamento que emprega Protección Civil. Os pequenos gozaron observando os distintos tipos de cascos e traxes que utilizan os efectivos para situacións de emerxencia.

No exterior, o servizo municipal tamén mostrou aos alumnos o parque móbil, coa máquina saladora, e os diferentes tipos de mangueiras.

A concelleira de Educación, Carmen Varela, tamén acudiu á actividade. Sinala que a actividade ten como obxectivo “educar aos pequenos sobre o labor cidadán fundamental dos corpos de seguridade”. Ademais, apunta, permitiu sensibilizar aos alumnos ante situacións de risco.

11 de marzo de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.