publicidade hoxe

Os concellos de Lugo comezarán a recibir en abril o primeiro pago do servizo de axuda no fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLourenzáLugo
A-
A+

Os 67 concellos da provincia de Lugo comezarán a recibir no mes de abril o primeiro pago correspondente ás axudas destinadas para financiar o Servizo de Axuda no Fogar de dependencia (SAF de dependencia).

Así o indicou hoxe a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, no marco da visita que realizou ao centro de día de Lourenzá. Segundo sinalou a delegada, este concepto que se financia correspóndense co primeiro trimestre do 2014.

O investimento global no pasado exercicio supuxo un desembolso por parte do Executivo galego de máis de 9,1 millóns de euros na provincia de Lugo (preto de 1,85 millóns de euros, só na comarca da Mariña), que se utilizaron para dispensar 930.000 horas de prestación entre as preto de 1.800 persoas atendidas.

A transferencia de financiamento para cada concello calculase en base a unha aplicación informática posta en marcha co actual goberno da Xunta, a través da cal se coordinan os diferentes concellos e o departamento Autonómico e na que se rexistra a información en tempo real das persoas beneficiarias atendidas e as horas de atención prestadas.

Arias destacou “os avances realizados” neste sentido pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, que “nos dous últimos anos logrou que os concellos comecen a recibir este financiamento con cinco meses de adianto con relación ao que o facían con anterioridade”. Deste xeito, axúdase aos concellos na prestación deste servizo ao tempo que se colabora para aliviar a súa situación económica actual neste ámbito, seguindo coas propias demandas dos concellos.

Durante a visita ao centro de día de Lourenzá, Arias, que estivo acompañada pola alcaldesa da localidade laurentina, Emma Álvarez, visitou as instalacións deste edificio que conta cunha oferta de 30 prazas.

26 de marzo de 2014 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.