publicidade hoxe

O rexedor de Pedrafita decidiu deixar o PSOE para “defenderse libremente” do caso das multas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Pedrafita do Cebreiro (Lugo), José Luis Raposo, explicou este mércores que tomou a decisión de deixar o seu partido, o PSOE, e o seu cargo como deputado provincial “hai un mes”, co fin de poder así defenderse “libremente” ante a Xustiza, agora que será xulgado pola súa relación coa suposta trama de retirada de multas de tráfico en Lugo.

“Agora quero estar fóra e libremente para defenderme e dicir as cousas. Igual digo algunha cousa dalgúns temas da Deputación e se estou dentro non podo, ou do partido, e agora, se me apetece, pois igual as digo”, sostivo.

Dito isto, desvinculou a súa decisión do “código ético” do que o seu xefe de filas, José Ramón Gómez Besteiro, falaba “estes días”. Esa norma interna obriga a apartar do PSOE a todos os cargos públicos que se enfronten a xuízo ou sexan obxecto de medidas preventivas por parte da Xustiza.

“Por min decido eu, que queden tranquilos que ninguén ten que decidir nada”, apostilou, ao tempo que confirmou que seguirá á fronte da Alcaldía de Pedrafita. “Non lla debo a ninguén, só aos meus veciños e ao meu traballo”, xustificou.

Raposo, tras cinco lexislaturas no cargo, será xulgado por, supostamente, solicitar a anulación dunha infracción cometida por un camión do seu concello. Insiste en que el non pediu a retirada da multa, pero admite que é “o responsable”. “Tiña que controlar que esa fotocopia da multa non fose a ningún lado. Dou moita liberdade no concello”, concluíu.

13 de marzo de 2014 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.