publicidade hoxe

O programa Leader permitiu a posta en marcha dunha empresa de horta ecolóxica en Covelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoveloLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á horta ecolóxica de Covelo

Cores Tourís na visita á horta ecolóxica de Covelo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá unha iniciativa de horta ecolóxica, “Horta Santa Clara”, posta en marcha na parroquia de Maceira, en Covelo, a través dun proxecto subvencionado polo GDR Condado-Paradanta dentro do programa Leader 2007-2013, que se financia a través da Xunta, Estado e UE.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Costa, así como polo xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois, o presidente do GDR Condado-Paradanta, Salvador González Solla, a xerente do GDR, Bibiana Conde e a promotora do proxecto, Lourdes Enes.

Cores Tourís puido comprobar, durante este encontro, o funcionamento desta nova horta ecolóxica que supuxo un investimento de algo máis de 65.000 euros dos cales o 45%, é dicir, 29.300 euros, foron aportados pola Xunta de Galicia. En total, a explotación conta cunha superficie de case 0,8 hectáreas, e os cartos investidos foron destinados a preparación da parcela, a compra de maquinaria para o desenvolvemento da actividade, en concreto, un motocultor, un asurcador, un remolque e un arranca patacas, e a dotación dun vehículo para o reparto do pedidos.

Esta empresa basea a súa produción na plantación de semente natural, sen usar variedades transxénicas, fomentando a produción de especies vexetais autóctonas. “O noso principal obxectivo”, segundo Lourdes Enes, “é obter alimentos saudables, de maior calidade nutritiva, sen a presenza de substancias de síntese química e obtidos mediante procedementos sustentables”.

Este tipo de agricultura é, tal e como explicou a responsable do proxecto, “un sistema global de xestión da produción, que incrementa e realza a saúde dos agrosistemas, inclusive a diversidade biolóxica”.

Na actualidade, segundo explicou a promotora do proxecto, “estamos a traballar para ampliar esta iniciativa de cara a mellorar a comercialización e procesamento de produtos de horta ecolóxica, polo que solicitamos unha nova subvención de cara a poder facer un almacén de produtos ecolóxicos e poder seguir a ampliar os pedidos das familias”. Asegura Lourdes Enes que tamén están a traballar para organizar unha cooperativa de produtores de horta ecolóxica “e así poder abastecer a demanda de tendas e familias en Galicia”.

A empresa conta cunha páxina web (www.hortasantaclara.com) na que, ademais de tenda online, tamén informan sobre a súa actividade a trazabilidade dos produtos. A Horta Santa Clara atópase inscrita no CREAGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) dende decembro de 2011.

305 proxectos en Pontevedra

Precisamente, en relación aos proxectos Agader, o delegado territorial recordou os 9,1 millóns de euros que se destinarán no plan financeiro 2013-2015 ás seis asociacións de desenvolvemento rural da provincia, dos cales, 1,4 millóns corresponderán a Condado-Paradanta.

Tamén fixo referencia Cores Tourís a importancia dos proxectos levados a cabo ata o momento a través dos distintos GDRs da provincia.

Deste xeito, dende o comezo do programa Leader, aprobáronse un total de 305 proxectos que supoñen un investimento total de 32,7 millóns de euros dos cales 13,2 proceden de subvencións. “No caso do GDR do Condado Paradanta, son un total de 53 os proxectos que se levaron a cabo cun investimento de 4,5 millóns de euros dos cales, 2 corresponderán a axudas públicas”, engadiu o delegado territorial.

En total, estes proxectos consolidaron un total de 604 postos de traballo, 173 deles son novos empregos. No caso do GDR de Condado Paradanta trátase de 50 postos de traballo, 18 deles de nova creación.

O enfoque Leader persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan.

Para asegurar esa participación creáronse os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento. Os proxectos soen ser de natureza produtiva, orientados a xeración de emprego e riqueza, ou non produtivos, que perseguen a dotación de servizos e equipamentos.

17 de marzo de 2014 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.