publicidade hoxe

O Polígono de San Cibrao multiplica a súa capacidade para captar investimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurenseSan Cibrao das Viñas
A-
A+

Unha xornada técnica promovida pola Asociación de Empresarios de San Cibrao das Viñas, e seguida por preto dunha trintena de asistentes, abordou os beneficios económicos, empresariais, urbanísticos e sociais que se derivarán da recente Modificación do Réxime de Usos do Chan no maior polo de desenvolvemento da provincia de Ourense. A armonización dos usos industrial e terciario, as condicións para a implantación de novas actividades e as posibilidades de captación de investimentos vinculados ao comercio, ao lecer e á distribución e loxística centraron esta xornada divulgativa que reuniu a expertos en urbanismo e a representantes municipais e empresariais.

Interviñeron como relatores Manuel Pedro Fernández Moreiras, alcalde de San Cibrao das Viñas; Ramón J. Valencia Hentschel, arquitecto municipal do Concello de San Cibrao das Viñas; José Luís Galindo Olea, director de plan urbanístico de Eptisa, empresa que se encargou de redactar a Modificación do Réxime de Usos do Polígono de San Cibrao; e Elías Mera Martínez, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas.

Todos os participantes coincidiron en afirmar que o cambio de Normativa marca un antes e un despois para o Polígono pioneiro en Galicia, porque o revitaliza e fortalece; porque abre novas posibilidades de futuro ‐en actividades até agora restrinxidas, como as áreas comerciais, a hostalaría, os servizos administrativos, os equipamentos e o lecer, entre outras‐; e porque pon fin á súa histórica desvantaxe con outros grandes asentamentos empresariais, adaptados desde hai anos ao dobre uso industrial e terciario.

Na presentación da xornada, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera, sinalou que a aprobación da Modificación de Usos, en outubro do ano pasado, significou un acontecemento histórico para o maior centro empresarial de Ourense, xa que despois de longos anos de xestións “as nosas empresas habitan hoxe un espazo no que a normativa está por fin á altura dos novos tempos. Termináronse as restricións para os que xa estamos aquí e derrubáronse as barreiras para quen querían instalarse con actividades diferentes ás industriais”.

Á hora de referirse á desvantaxe competitiva con outros parques empresariais, relatou que “non hai máis que comprobar o crecemento e a expansión que lograron os polígonos e os parques próximos ás principais cidades galegas, mentres que o de San Cibrao continuaba atado polo uso exclusivamente industrial. Esa realidade viñámola constatando en calquera desprazamento a Vigo, a Santiago, á Coruña ou á gran maioría das cidades de España, pero a clara desvantaxe do noso Polígono xa é historia”, concluíu.

Elías Mera non dubidou en afirmar que o beneficio dun Polígono de San Cibrao limitado estendeuse mesmo ás outras zonas industriais lindeiras coa cidade de Ourense, que foron engadindo actividades e instalacións comerciais pola imposibilidade de acoller investimentos dese tipo en San Cibrao.

Por outra banda, lembrou que a Asociación de Empresarios sempre considerou como prioritaria a Modificación de Usos de Chan, dentro da estratexia global de mellora do Polígono: “Por iso, tanto a directiva actual como as anteriores, tivemos moi presente esta petición. E por iso, nunca a aparcamos a pesar dos nulos ou dos mínimos avances que se producían ano tras ano”, sinalou.

Na súa opinión, cun Polígono de nova xeración como o que emerxe coa incorporación dos usos terciarios, todos os colectivos veranse beneficiados: “Gañamos porque se revalorizan as instalacións, os activos e as propiedades actuais. Gañamos porque se multiplica a capacidade para captar investimentos. Gañamos porque os futuros inquilinos poden exercer un efecto tractor. E gañamos porque pasamos a ser un polo máis forte para lograr mellores comunicacións, equipamentos, servizos e infraestruturas”, asegurou.

Cara á diversificación

O alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández Moreiras, apuntou na súa intervención que a Modificación “logra adecuar o réxime de usos do polígono industrial á evolución que tiveron as actividades empresariais nas últimas décadas, mediante o fomento da diversificación das actividades actuais e o incremento das posibilidades de implantación de novos usos, acordes coas demandas dos empresarios”.

Ademais, enxalzou que a ampliación de actividades e a reconversión do maior asentamento de empresas será dobremente positiva, xa que implica a plena integración cos núcleos de poboación lindeiras. O rexedor municipal explicou que “as novas actividades que se implanten nas proximidades dos núcleos de poboación non só permitirán mellorar as dotacións no recinto industrial e comercial, senón que outro importante beneficio engadido será o de reequipar devanditos núcleos residenciais”.

Pola súa banda, o arquitecto municipal, Ramón J. Valencia Hentschel, matizou que a transformación urbanística do Polígono requiriu un traballo laborioso, xa que á incorporación de actividades sumouse a necesidade de harmonizar os usos industrial e terciario.

José Luís Galindo Olea, director de plan urbanístico de Eptisa, detallou que a denominación xenérica de “usos terciarios” engloba un abanico de posibilidades de implantación “de novos usos de carácter comercial, hostaleiro, oficinas e equipamentos, entre outros fins”. Engadiu que a nova Normativa non só favorecerá a implantación de empresas, senón que conseguirá ademais “a revitalización do Polígono Industrial e a súa reconversión progresiva nun gran centro de actividades empresariais de rango provincial”.

19 de marzo de 2014 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.