publicidade hoxe

O Concello de Foz avanza cara a aprobación provisional do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal PortadaLugo
A-
A+
Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Foz

Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Foz

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo unha nova reunión co alcalde do Concello de Foz, Javier Jorge Castiñeira Conde, co fin de seguir avanzando no documento do PXOM que será aprobado provisionalmente polo Pleno Municipal despois do verán e a continuación remitido á Xunta para a súa aprobación definitiva.

O encontro, que contou coa asistencia do equipo técnico de ambas administracións e dos redactores do PXOM (Oficina de Planeamento), veu precedido de tres reunións celebradas ao longo dos dous últimos anos trala reactivación no 2011 do documento de planeamento contratado en 2004, pero que levaba parado dende o ano 2009.

Hai que destacar o percorrido que avanzou a tramitación do PXOM nestes dous últimos anos co fin de adaptar o documento aprobado inicialmente en 2007, e que xa fora exposto ao público en dúas ocasións nos anos 2007 e 2009. A finais de 2013 foi exposto novamente ao público trala adaptación do documento que quedara obsoleto pola modificación da LOUGA, que entrou un vigor en abril de 2010, e ao Plan de Ordenación do Litoral vixente de febreiro de 2011. Esta terceira exposición ao público saldouse coa presentación de 600 alegacións, a metade das formuladas no 2009.

Vindeiros pasos

O alcalde trasladou que neste intre o concello está a espera de recibir os cinco informes sectoriais pendentes, dos mais de 30 que solicitaron a finais de ano ás distintas administracións. Os prazos que manexa o concello concrétanse en presentar o vindeiro mes de abril ante a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a proposta de memoria Ambiental co fin de que sexa emitida antes do verán, incorporar no documento as indicacións que considere e proceder a aprobación provisional do documento de planeamento polo Pleno municipal despois do verán. Unha vez superado este trámite o PXOM será remitido á Xunta para a súa aprobación definitiva. A secretaría xeral disporá de un prazo de 3 meses para emitir a Orde, tras comprobar a integridade do expediente e do proxecto do documento.

Situación actual

Na actualidade o municipio de Foz, que réxese por unha normas subsidiarias de planeamento aprobadas en 1991, ten en trámite un PXOM contratado en xaneiro de 2004 sobre o que a Xunta xa emitiu un Informe previo a aprobación Inicial (IPAI) en novembro de 2006 e que foi aprobado inicialmente en 2007 polo Pleno Municipal.

Axudas

O Concello de Foz tiña concedida unha subvención ao abeiro da orde do 18 de febreiro de 2004 e do 15 de marzo de 2005 pola que se lle abonou o importe de 79.546,25€ máis 21.157,50€ de cartografía. Co que o total concedido a este municipio foi de 200.650,04 euros.

12 de marzo de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.