publicidade hoxe

O Centro de Día de Cerceda recibirá aos primeiros 11 usuarios este mesmo xoves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCercedaLocal Portada
A-
A+

O novo centro de día e fogar residencial de Cerceda celebrará mañá unha xornada de portas abertas que precede á chegada, o xoves, dos primeiros once usuarios, dez no fogar residencial e un no centro de día. O resto de persoas incorporaranse ao longo dos próximos meses.

O centro, que supuxo un investimento de 2,3 millóns de euros, conta con 40 prazas de centro de día na planta baixa e 22 prazas de fogar residencial no primeiro andar e será a primeira infraestrutura pública destas características na comarca de Ordes. O Consorcio asume a xestión do centro e o Concello aportará un terzo do custo da praza dos usuarios de Cerceda.

Este novo servizo integrase na rede de centros de atención a persoas maiores do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. O servizo de centro de día defínese como un servizo xerontolóxico e de apoio ás familias que durante o día presta atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, a actividade relacional e a permanencia no contorno habitual.

Os fogares residenciais están dirixidos a persoas maiores cunha dependencia leve ou moderada que precisan, polo tanto, un servizo de estancia continua para reciibir unha atención óptima e de calidade.

A construción do centro de día e residencial de Cerceda foi resultado da colaboración interadministrativa entre o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, a Xunta de Galicia e o Concello de Cerceda, en execución do “Plan 2006-2012 da Minería e do Carbón: novo modelo de desenvolvemento integral e sostible das comarcas mineiras” do devandito Ministerio. A obra foi financiada con 2 millóns de euros polo Instituto para a Reestructuración da Minería do Carbón e Desenvolvemento Alternativo das Comarcas Mineras do devandito Ministerio.

4 de marzo de 2014 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.