publicidade hoxe

O alcalde de Castro de Rei terá que devolver os 360.000 euros que lle adiantara a Deputación de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaLugo
A-
A+

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, deu conta este venres dunha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Lugo, coa que a xustiza dá a razón á Deputación e obriga ó Alcalde de Castro de Rei a devolver 360.000 euros que lle adiantou o organismo provincial xa no 2011 para a execución de obras e que perdeu “pola súa nefasta xestión; por incumprir, de xeito reiterado, un convenio de colaboración, a pesares dos repetidos avisos e da pórroga que lle concedeu a Deputación”, remarcou Martínez.

No 2011, a Deputación de Lugo asinou un convenio de colaboración co Concello de Castro de Rei mediante o cal o organismo provincial lle financiaba melloras nas traídas de auga das parroquias de Quintela, Bendia, Duarría, Loentia e Ribeiras de Lea. Tamén se establecía que o prazo de vixencia do convenio culminaba en decembro dese ano. Por este motivo, co fin de garantir a execución das obras e tendo en conta que a achega da Deputación procedía do seu Presuposto para 2011, a institución adiantou ó Concello o orzamento.

O voceiro lembrou que a piques de rematar o prazo de vixencia do convenio, o Alcalde pediu unha prórroga porque tiña sen realizar gran parte das obras malia ter o presuposto do organismo provincial nas arcas do Concello. A Deputación puido entón conceder a Baladou un segundo prazo máximo e legal de dous meses para executar as obras, que o Alcalde non aproveitou, posto que non avanzou nos traballos.

Balado pediu entón outra pórroga para un terceiro prazo, que a Deputación neste caso xa non lle puido conceder, posto que o convenio deixara de estar en vigor. “Polo tanto, sen máis marxe legal para poder solventar esta situación, o organismo provincial viuse na obriga de solicitar ó Alcalde a devolución dos cartos que lle adiantara para unhas obras que nunca executou. Pola contra, o Alcalde optou por presentar un recurso contencioso contra a Deputación, que a xustiza tumba por consideralo “inadmisibile”.

A sentenza dice, textualmente, que “non resulta en ningún modo admisible que o feito de que a parte que obtén a subvención sexa unha administración pública sexa motivo de dispensa de cumprir as normas de tramitación esixibles a calquera cidadán”.

“Os veciños non pagarán as consecuencias”

Martínez aclarou que “de ningún xeito os veciños de Castro de Rei van a pagar as consecuencias da actitude inadmisible de Balado. A Deputación seguirá a investir neste Concello, que xa é o municipio lugués no que estamos a facer o maior esforzo económico, posto que xa achegamos case 12 millóns de euros á construcción do 1º centro público en España de recría de gando vacún”.

21 de marzo de 2014 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.