publicidade hoxe

Moaña convértese na capital do Taekwondo galego esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMoaña
A-
A+

Esta fin de semana Moaña (Polideportivo Municipal de Reibón) converterase na capital do taekwondo galego, ao acoller tres campionatos e a case 700 deportistas das modalidades de técnica e freestyle.

A actividade comezará o sábado coa celebración da final galega do taewondo escolar na modalidade de técnica e freestyle das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete (masculino e feminino). Os días 15 e 16 de marzo tiveron lugar as fases provinciais que se celebraron en Pontevedra, Boiro, Monforte e Ourense, e lograron a clasificación para a final galega o 50 por cento mellor clasificado. Na final de Moaña participarán case 400 nenos e nenas e está en xogo o equipo que representará a Galicia no Campionato de España Escolar de Técnica (menos na categoría prebenxamín, que no existe a nivel estatal).

A principal novidade do programa escolar deste ano é que por primeira vez se inclúe freestyle, unha nova modalidade que introduciu a Federación Mundial no 2013. O freestyle combina a técnica libre con movementos obrigatorios pero permite introducir acrobacias. Sen dúbida, e unha modalidade atractiva cara ao espectador, por ser moito máis espectacular.

Esta actividade está incluída no programa do Deporte Escolar Xogade, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo.

Campionato Galego de técnica de adultos. O domingo 30 de marzo (de 10 a 15 horas) celebrarase o Campionato Galego de técnica de adultos coa participación de máis de 200 deportistas. Será un torneo cun altísimo nivel, que coa participación dos mellores deportistas galegos desta modalidade, xa que en xogo estarán as prazas para poder competir no campionato de España. Iso si, non pode participar o trío do Tao (Nerea Alamancos Lamas, Isabel Simón Queiro e Alba Castro Asensio), que o pasado ano lograra a medalla de bronce no Europeo. Dúas das integrantes (Nerea e Alba) están embarazadas e Isabel, en Alemaña, así que non poderemos gozar co seu traballo sobre o tapiz. No aspecto positivo, destacar que volve á competición, despois de tres anos de ausencia, Samuel Meilán, que competirá en sénior 1, trío e freestyle, e tentará lograr a clasificación para o campionato de España.

E pola tarde, será o momento da disputa do II Campionato Galego de Freestyle, coa inscrición de case 80 deportistas. Estase a apreciar un importante despuntar nesta modalidade, que en só dous anos de vixencia, comeza a contar cun importante seguimento por parte dos deportistas. Entre os participantes contaremos coa presenza de Gabriel Tembrás (Moo Duk Kwan) que é campión de España e de Europa.

27 de marzo de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.