publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural destinou ao fomento do uso de maquinaria en cooperativa na comarca do Deza case 553.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDozónLalínLocal PortadaPontevedraRodeiroSilleda
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou os case 553.000 euros que a Consellería de Medio Rural e Mar destinou ao fomento da utilización da maquinaria en réxime asociativo en Galicia e que publicou recentemente no Diario Oficial de Galicia. No caso da provincia de Pontevedra, o 100% dos beneficiados atópanse na comarca do Deza, dedicándose ao sector do leite.

Tal e como explicou Cores Tourís, o importe das axudas corresponde a orde do 19 de abril de 2013 e teñen por obxecto fomentar o uso de maquinaria en cooperativas galegas. Esta subvencións atópanse cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, beneficiándose das mesmas seis cooperativas de Lalín, dúas de Dozón, unha de Silleda e outra de Rodeiro.

En total, estas axudas supuxeron un investimento global en Galicia de 2 millóns de euros, “dos que 553.000 euros corresponderon a provincia de Pontevedra, e, en concreto, a comarca do Deza, o que supón un 25% do total”.

O obxectivo destas axudas é promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo; o fomento e introdución de novas tecnoloxías e a racionalización dos custos de mecanización, reducindo á vez, as emisións contaminantes e fomentando o aforro enerxético.

En concreto, os beneficiados foron as cooperativas Campodeza, O Rodo, Cobideza, Gandeiros do Deza, Maquideza, A Choupana, Sixto, Pena de Francia, Gandeiros de Lalín e Rotal, que suman en total, 879 socios cooperativistas, que realizaron un investimento total para a compra deste equipamento de case 1.260.000 euros. Entre outras máquinas subvencionadas se atoparon tractores, fresadoras, arados, encintadoras, extendedores de silo, rulos, pulverizadoras, remolques, sementadoras e rotoempacadoras.

“Non podemos esquecer”, matizou o delegado territorial, “que o emprego de novas tecnoloxías na mecanización e equipamento agrario contribúe de forma decisiva a que as explotacións protagonicen un desenvolvemento do sector e do medio rural que favoreza unha evolución positiva e constante para afrontar novos retos de futuro”.

A introdución de novas tecnoloxías ten unha repercusión moi positiva nas vertentes técnica, económica e ambiental das explotacións agrarias. “E tendo en conta a estrutura e dimensión da maioría das explotacións galegas e o elevado custo de adquisición e amortización da maquinaria, vese necesario o impulso de modelos de uso da mesma de xeito colectivo, orientados a abordar conxuntamente os traballos no campo e na gandería”, engadiu José Manuel Cores Tourís. “Deste xeito poderemos crear unidades produtivas máis eficientes e sustentables, tanto económica como social e ambientalmente, mellorando a calidade de vida da poboación do rural e asentando a mesma nas áreas xeográficas do interior”.

En relación ao sector gandeiro, o delegado territorial recordou que Galicia é líder na produción de leite a nivel estatal, co 55% das explotacións, no que destaca esta comarca. “A modernización realizada polo sector nas últimas décadas sitúano como referente europeo en calidade, innovación, garantías de salubridade alimentaria e vocación de permanencia”, explicou Cores Tourís, quen recordou que, ademais, ao abeiro da Mesa do Leite naceron o Observatorio do Sector Lácteo e o contrato homologado, “que dan maior solidez e garantías de supervivencia a este sector”.

26 de marzo de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.