publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Máis de 550 animais exóticos foron recollidos polos centros de recuperación de fauna silvestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLugoOleirosOurenseOuteiro de ReiPontevedraPortada esquerda
A-
A+
Os Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Galicia acolleron nas súas instalacións nos últimos 5 anos (desde o ano 2009 ao 2013, ambos incluídos) un total de 554 animais exóticos, distintos da fauna autóctona que reciben habitualmente.

A Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, destaca a importancia de que os cidadáns eviten os abandonos destes animais, un prexuízo tanto para as propias especies como para a contorna natural. A solución máis axeitada é a utilización dos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Galicia, que son 4 na comunidade, un para cada provincia: Santa Cruz de Oleiros, na Coruña; O Veral, en Lugo; O Rodicio, en Ourense; e Cotorredondo, en Pontevedra.

A especie con maior número de entradas foi o sapoconcho de Florida (Trachemys scripta), (169 exemplares admitidos), seguida do visón americano (con 155 admisións), a tórtola turca (68), e o mapache (33). No CRFS de Cotorredondo, en Pontevedra, destaca a entrada de 44 tartarugas mora (Testudo graeca) pero é necesario especificar que estas non procedían do medio natural se non dun criador que debe entregalas regularmente neste centro en cumprimento dunha resolución administrativa.

A nivel de especie, destaca tamén polo número de exemplares admitidos o faisán (13), o pato doméstico ou pato mudo (12) e un ave de cetrería, o falcón de Harris (6). En relación co porco vietnamita, e a pesar de ser unha especie que noutros puntos de España está representando cada vez máis un problema importante polo número de abandonos ao que se ve sometido, en Galicia unicamente se ten constancia dunha entrada dun destes exemplares no CRFS de O Rodicio no ano 2011.

Entre as mascotas exóticas destaca o grupo dos réptiles (225 exemplares) formado maioritariamente polos sapoconchos de Florida, tartarugas moras (44) e iguanas verdes (9), ademais dalgún caimán (2) e algún gecko (1). O grupo dos pequenos mamíferos de compañía, entre os que destacaron os mapaches, furóns, esquíos e hamsters, rexistrou un total de 43 admisións durante o período de análise. Entre as aves de gaiola de compañía contabilizouse un total de 20 entradas, formadas maioritariamente por 1 canario e 19 psitácidas, das cales destacaron os yacos ou loros africanos de cola vermella (5), ninfas (4), agapornis (3), cotorras arxentinas (3), periquitos ou guacamayos.

O maior número de admisións de animais exóticos do período de análise detectouse no ano 2013, con 137 entradas. Durante o ano 2009 (121) e 2010 (127) rexistrouse igualmente un número elevado de ingresos de animais exóticos nos CRFS de Galicia. No ano 2011 rexistráronse 90 ingresos e o valor máis baixo dos últimos 5 anos, acadouse no 2012 (72 ingresos).

Os centros que rexistraron maior número de animais exóticos nos últimos 5 anos foron o CRFS de Cotorredondo (Pontevedra) e o de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña), con 205 entradas cada un. O centro con menor número de admisións de mascotas exóticas foi o CRFS de O Veral (Lugo) con 64 animais rexistrados, mentres que o de O Rodicio (Ourense) rexistrou 80 admisións destes animais non autóctonos.

Especies exóticas

Desde hai varios anos a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas traballa activamente na captura no medio de exemplares de visón americano (Neovison vison) seguindo o indicado na Estratexia Nacional de xestión, control e erradicación do Visón Americano en España. Neste tempo a Consellería impartiu formación entre os vixilantes e axentes de Medio Ambiente para a captura destes animais e adquiriu un número elevado de trampas para esta actividade. Os puntos de Galicia onde as posibilidades de control desta especie invasora no medio natural son maiores é no Parque Natural das Illas Atlánticas.

No último ano esta Consellería actuou intensamente na provincia de Lugo, no Concello de Outeiro de Rei contra un núcleo de mapaches (Procyon lotor) asentados á beira do Río Miño, capturando unha trintena de exemplares vivos. Algúns destes eran femias preñadas ou recen paridas, ou crías novas destas, aspecto que sinalou a capacidade da especie para reproducirse no medio natural sen dificultades.

Tanto o mapache como o visón americano están clasificados como especies invasoras no territorio nacional polo Real Decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de Especies Exóticas Invasoras. En cumprimento do mesmo, na actualidade non está permitida en España a adquisición destes animais. Sen embargo os parques zoolóxicos rexistrados e os propietarios que tivesen exemplares destas especies no seu poder no momento da entrada en vigor da dita norma, poderán mantelos sempre e cando comuniquen a súa posesión antes do 4 de agosto do 2014 á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Especies invasoras

Nos últimos anos realizouse unha importante labor na loita contras as especies invasoras algúns parques zoolóxicos da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre estes destacan as actividade acometidas polo Organismo Autónomo Municipal Parque das Ciencias Vigozoo e o Acuario do Grove, tanto na recollida de exemplares de sapoconcho de Florida en mans de particulares que non podían mantelos, así como na divulgación da problemática causada por estas especies desde o seu programa educativo.

1 de marzo de 2014 | 12:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.