publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Imputadas cinco persoas por incendios forestais en Boborás, Riós, Rianxo, Vila de Cruces e Xermade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoborásGaliciaLocal PortadaPortada dereitaRianxoRiósVila de CrucesXermade
A-
A+

A Policía Autonómica vén de imputar a cinco persoas coma presuntas autoras de incendios forestais en Boborás e Ríos, en Ourense; Rianxo, Vila de Cruces, e no concello lucense de Xermade.

Membros do equipo de Investigación de Incendios Forestais da Policía Autonómica de Ourense procederon á imputación dun veciño de Ourense como presunto autor dun incendio forestal. O lume produciuse na parroquia de Feás, concello de Boborás, e arrasou 15.000 metros cadrados de monte arborado e 4.000 metros cadrados de monte raso.

As lapas iniciáronse a causa do escape dunha queima, ao non adoptar o seu autor as medidas de prevención establecidas pola normativa legal. Para a súa extinción foi necesaria a actuación do persoal anti-incendios da Xunta. Polos feitos, tramitáronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución nº 1 do Carballiño.

Lume en Riós

Doutra banda, os axentes da Autonómica en Ourense tamén procederon á imputación dun veciño de Riós como presunto autor dun incendio nese concello, no que arderon 6.800 metros cadrados de monte raso. Este lume tamén foi causado polo escape dunha queima neglixente na que non se adoptaron as medidas de seguridade establecidas por lei e requiriu dos servizos de extinción para evitar a súa propagación. Neste caso, as dilixencias remitíronse ao Xulgado de Instrución de Verín.

Rianxo

O equipo de investigación de incendios forestais da Policía Autonómica da Xefatura de Santiago, en colaboración co persoal do Distrito IV-Barbanza procedeu á imputación dun cidadán coma autor dun incendio forestal no concello de Rianxo o pasado 19 de marzo. O lume foi causado accidentalmente e afectou a 100 metros cadrados de monte arborado. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Padrón.

Vila de Cruces

Tamén os axentes de Santiago imputaron a un veciño por un incendio ocorrido no concello de Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra, e que foi provocado por unha queima na que non se tomaron as medidas de seguridade preceptivas. O lume afectou a unha superficie de 2.500 metros cadrados de monte raso. Nas labores de investigación e na extinción do lume, contouse coa colaboración do persoal do Distrito XVI-Deza-Tabeirós. Polos feitos deuse conta ao Xulgado de Instrución en Funcións de Garda de Lalín.

Xermade

Por último, axentes da Xefatura Provincial de Lugo procederon á detención dun veciño das Pontes de García Rodríguez por un incendio forestal por imprudencia grave no Concello de Xermade. O lume foi orixinado por una queima realizada de forma neglixente e sen adoptar as medidas de seguridade preceptivas que se establecen para a prevención de incendios forestais e afectou a 5.000 metros cadrados de superficie rasa. Tanto na súa extinción como nos labores de investigación foi fundamental a colaboración dos axentes da Brigada do distrito forestal X-Terra Chá.

Na actual campaña anti-incendios forestais do 2014, a Policía Autonómica xa leva detidas a 18 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

25 de marzo de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.