publicidade hoxe

Impulso ao comercio local de Curtis coas melloras promovidas no recinto feiral do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtisLocal Portada
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Curtis para comprobar o resultado das obras executadas no recinto feiral para mellorar a súa imaxe, de cara a favorecer e dinamizar o comercio local do seu entorno. O proxecto contou cunha achega por parte da Consellería de Economía e Industria de 30.000 euros.

Acompañada polo alcalde do municipio, Javier Caínzos, Do Campo aproveitou para percorrer os postos do mercado tradicional, onde explicou que os traballos levados a cabo nos últimos meses consistiron na adecuación das fachadas de dúas das naves que compoñen o recinto, co fin de paliar o seu deterioro. Esta actuación completa á xa levada a cabo no exercicio anterior a través desta mesma liña de subvencións para mellorar as condicións no interior.

A delegada territorial sinalou que a subvención concedida enmárcase no programa de Economía e Industria para impulsar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade, que no 2013 destinou preto de 1,5 millóns de euros a 32 concellos coruñeses. Precisamente, o departamento autonómico, a través da Dirección Xeral de Comercio, ven de activar unha nova convocatoria de axudas por máis de 3 millóns de euros para apoiar aos concellos galegos na potenciación deste sector e dos mercados e prazas de abastos.

Prazo de solicitude aberto ata o 21 de abril

Mediante a orde publicada o venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), os municipios poderán optar a axudas para a modernización dos mercados de ata 150.000 euros, un 25% máis que na anterior convocatoria, co obxectivo de consolidar as prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade. O prazo de solicitude estará aberto ata o 21 de abril.

Como novidade, os concellos que queiran desenvolver estes proxectos de mellora -que poden incluír, ademais da remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario dos mercados, actuacións para a redución do consumo enerxético ou dos residuos xerados, entre outros- deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, estarán encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, de colocación do produto ou de atención ao cliente.

Na mesma liña, tamén se apoiará con ata 3.000 euros a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos nas prazas de abastos, así como nos principais eixos comerciais dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Ademais, estes municipios máis pequenos poderán optar a axudas de ata 30.000 euros para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.

As axudas do programa alcanzan con carácter xeral o 75% dos investimentos apoiables, primándose os proxectos de xestión compartida cun incremento dun 15% na porcentaxe subvencionable no caso das solicitudes presentadas conxuntamente por varios municipios.

Neste senso, a máxima representante do Goberno galego na provincia indicou que a colaboración coas entidades locais resulta imprescindible “pola súa cercanía ao comerciante e polo seu coñecemento directo do comercio local”. “Pola súa calidade e proximidade, o pequeno comercio é un patrimonio que entre todos debemos impulsar e apoiar, e un importante motor de emprego”, concluíu Do Campo.

23 de marzo de 2014 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.