publicidade hoxe

‘Falaredes’ pecha en Cuntis, Baiona, Santiago e O Porriño un mes repleto de éxitos con ‘Toc Toc’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaCuntisO PorriñoSantiago de Compostela
A-
A+

O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pechou onte un mes repleto de éxitos da man do concerto infantil-familiar Toc Toc, que esta fin de semana logrou senllos cheos absolutos nos concellos de Cuntis, Baiona, Santiago de Compostela e O Porriño.

Ante a grande expectación que xerou o espectáculo na capital galega, esta acolleu onte á mañá un concerto especial no que o coñecido artista Pablo Díaz actuou arroupado por toda a súa banda, un total de seis músicos fronte aos tres habituais na xira de FalaRedes 2014. Como era de esperar, Toc Toc non defraudou e converteu a Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia nunha auténtica festa da lingua galega na que tanto a xente miúda coma os pais bailaron e cantaron as divertidas cancións recollidas no libro-disco homónimo, editado por Galaxia.

Tras esgotarse as 260 entradas dispoñibles inicialmente para este concerto e ampliar a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello compostelán a capacidade ata as mil prazas, o público santiagués respondeu brindando unha grande acollida a esta primeira proposta de FalaRedes 2014, da que gozaron de balde un milleiro de persoas.

Ademais de na capital galega, Toc Toc tamén fixo parada esta fin de semana nas localidades pontevedresas de Cuntis e Baiona, o sábado, e no Porriño, que o domingo á tarde acolleu unha función coa que a proposta de dinamización lingüística despediu o mes de marzo. Nos tres concellos o musical repetiu o éxito da capital galega con salas cheas de familias que gozaron dun plan de lecer de calidade no noso idioma.

Logo dos bos resultados acadados ao longo deste mes por Pablo Díaz nas 11 vilas que visitou (Ourense, Marín, Silleda, Ribadavia, Arteixo, Carral, Ferrol, Cuntis, Baiona, Santiago e O Porriño), nas que preto de 4.000 persoas asistiron ao seu espectáculo, Toc Toc continuará agora o seu itinerario polos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Así, no mes de abril chegará a outros nove para completar a xira en exclusiva de 20 actuacións no marco de FalaRedes 2014.

O vindeiro mes, o Toc Toc visitará Burela, Oleiros, O Barco de Valdeorras, Bueu, Xinzo de Limia, Vedra, Ponteareas, Vilagarcía de Arousa e Mos. Coma sempre en FalaRedes, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Unha actividade para nenos de 3 a 10 anos
O musical co que botou a andar a terceira edición de FalaRedes está destinado a nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade e ás súas familias. Nel, a xente miúda da casa cántalle á alegría e á amizade, á vez que aprende valores como a paz ou o ecoloxismo, dun xeito lúdico e co galego como lingua.

Toc Toc rima con rock, pop, folk e tamén con soul, que neste espectáculo se mesturan coa tradición galega, convertendo o concerto nunha festa na que a cativada baila e canta no noso idioma. A música actúa así como fonte de transmisión do galego promovendo que os nenos sigan cantando as cancións tras finalizar a actividade.

FalaRedes

Logo do éxito obtido nas case 400 actividades desenvolvidas nos seus dous primeiros anos de vida, FalaRedes chega á súa terceira edición con 150 novas propostas de dinamización lingüística que buscan cumprir os obxectivos emananados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva do galego na infancia, na mocidade e na familia.

Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL, reforzando así a súa oferta de ocio na lingua propia de Galicia cun total de cinco actividades. A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento do noso idioma no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.

31 de marzo de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.