publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Estudantes de Sandiás, Sarreaus e Rairiz coñecen o traballo artesanal con “Enredando, artesanía na escola”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseRairiz de VeigaSandiásSarreaus
A-
A+
Escolares na mostra sobre traballos artesanais

Escolares na mostra sobre traballos artesanais

Escolares dos colexios de infantil e primaria dos concellos ourensáns de Sandiás, Sarreaus e Rairiz de Veiga coñeceron esta semana de preto o traballo artesán, e en concreto o proceso para a elaboración de papel e o encadernado de libros, grazas á iniciativa da Consellería Economía e Industria Enredando, artesanía na escola.

Este proxecto posto en marcha pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño chegou o luns ao CEIP de Sarreaus e no CEIP Antonio Vázquez de Rairiz de Veiga, mentres que hoxe achegou aos rapaces do CEIP de Sandiás o módulo didáctico Do papel ao libro.

Esta unidade didáctica está orientada a explicar a elaboración artesanal de papel empregando os materiais e a mestura de fibras de bambú e de eucalipto seguindo as indicacións que un artesán explica ao alumnado e aos docentes nun exercicio práctico en cada un dos centros educativos participantes. Con posterioridade, realizan a encadernación dun libro coas follas elaboradas na primeira fase.

O proxecto Enredando, que chega á súa terceira edición, está a percorrer durante todo o curso diferentes centros educativos de toda Galicia, permitindo ao alumnado coñecer de preto as tarefas diarias do sector artesán a través da organización de demostracións nos colexios, visitas aos obradoiros e outras actividades transversais aos programas educativos.

Os obxectivos principais desta actividade son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlles aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; incidindo así na remuda xeracional nos oficios máis tradicionais, promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

12 de marzo de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.