publicidade hoxe

Diego Calvo anima a veciños e asociacións do Mandeo a “facer seu” o centro etnográfico de Teixeiro, en Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCurtis
A-
A+
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou hoxe o Centro Etnográfico de Teixeiro, en Curtis, que se construíu con cargo ao Plan Mandeo, financiado pola institución provincial ao abeiro do Fondo Europeo de Desarrollo Regional da UE.

Durante a súa visita, e acompañado tanto polo rexedor de Curtis, Javier Caínzos, como por outros alcaldes da contorna do Mandeo, Calvo animou a todos os veciños e asociacións da zona a “facer seu” este centro e utilizalo para as súas actividades “porque é un centro que conta con infinitas posibilidades”.

“Este tipo de instalacións non teñen sentido sen persoas que lle dean vida”, afirmou. Así, ademais das visitas puntuais que xa se están levando a cabo dende fai un ano, a institución provincial, responsable do mantemento das instalacións, pretende que o centro se converta nun lugar de encontro social e tamén “un centro de referencia para toda a provincia”.

Para iso, Calvo adiantou a posibilidade de iniciar contactos con outras administracións co obxectivo de “abrir estas instalacións a todo tipo de usos” como poden ser os campamentos de verano da Xunta ou os obradoiros formativos que se organizan desde a Dirección Xeral de Xuventude.

“O realmente importante agora é cumprir cos obxectivos marcados na construción deste centro, é dicir, poñer en valor o entorno do Mandeo, e concienciar á poboación sobre a importancia de coidar os recursos hidrográficos”, sinalou o titular provincial, que definiu este edificio coma unha das “obras clave” do proxecto Mandeo, xunto co centro de interpretación dos recursos hídricos en Chelo, en Coirós; ou a construción dunha senda peonil desde o núcleo de Betanzos ata o campo dos Caneiros.

Esta última actuación foi posible grazas a un convenio firmado co Concello de Betanzos, polo que a institución provincial achegou 575.750 euros para a construción do camiño, unha demanda do goberno local que non fora incluída inicialmente no Plan Mandeo pola complexidade do proxecto e que finalmente foi atendida pola Deputación Provincial. 

21 de marzo de 2014 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.