publicidade hoxe

Coristanco recibe unha achega de 62.000 euros para mellorar a rede de saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristancoLocal Portada
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Coristanco, Antonio Pensado, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 62.033 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico. Parte da achega do departamento autonómico destinouse a sufragar os gastos de funcionamento do concello.

Nunha visita ao municipio, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que permitiron mellorar a rede de saneamento nas parroquias de Traba e Agualada, os dous núcleos de poboación máis grandes do concello.

Deste xeito, as intervencións levadas a cabo consistiron, na parroquia de Traba, na extensión das canalizacións desde os lugares de Traba e Capelán ata Canal, así como a instalacións de 21 pozos de rexistro e outros tantos sumidoiros. Na Agualda, instalouse unha fosa séptica e un filtro biolóxico.

Nove municipios das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra beneficiados

Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que nove concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Camariñas, Vimianzo, Zas e Dumbría) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 445,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que oito deles dispoñen de máis de 83.000 metros de liñas de conexión, polos que recibirán preto de 780.000 euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.
 

31 de marzo de 2014 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.