publicidade hoxe

Celanova acolle unha mostra conmemorativa do 50º aniversario das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaLocal PortadaOurense
A-
A+
Rogelio Martínez na inauguración da mostra

Rogelio Martínez na inauguración da mostra

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, participou este serán no acto inaugural da mostra “51 páxinas das nosas Letras”, que acolle estes días o concello ourensán de Celanova no marco da itinerancia que está a ter en numerosos puntos da xeografía galega durante este ano. Con ela, a Xunta de Galicia, o Parlamento galego e a Real Academia Galega (RAG) conmemoran conxuntamente o 50º aniversario da instauración do Día das Letras Galegas (celebrado por primeira vez o 17 de maio de 1963).

Durante a súa intervención, o delegado territorial destacou que “con esta mostra pretendemos dar un paso máis no convencemento de que o Día das Letras Galegas posúe un valor extraordinario, centrado nun autor ou autora de prestixio, no que se reflicte o esencial do noso xeito de ver o mundo”. Martínez asegurou que “os galegos e galegas levamos celebrando 51 anos o Día das Letras Galegas. Esta festa da palabra, que naceu exclusivamente como efeméride literaria, préstalle tamén acubillo a actividades que, estando fóra do ámbito propiamente literario, forman parte do día a día da cidadanía de hoxe e promoven o a dinamización social do idioma propio de Galicia”.

No acto participaron, amais de Rogelio Martínez, o vicepresidente primeiro do Parlamento galego, Miguel Santalices; o rexedor municipal, José Luis Ferro.

’51 páxinas das nosas Letras’

Na mostra ’51 páxinas das nosas Letras’ colaboran a Xunta de Galicia -por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- o Parlamento galego e a Real Academia Galega para achegarlle á cidadanía os persoeiros aos que as Letras Galegas homenaxearon desde a instauración da súa celebración, o 17 de maio de 1963, no ano en que a efeméride chega ao seu 50º aniversario.

Integran a exposición un total de 51 medallas conmemorativas dos e das homenaxeadas, que aloxa a Cámara galega na súa Sala das Letras Galegas e que cada ano confeccionan, por encarga do Parlamento de Galicia, o caricaturista Siro López e o escultor Manuel Ferreiro. Complétanse cos perfís biográficos de cada autor, cun vídeo divulgativo e cunha edición conmemorativa que se pode descargar, de balde en formato dixital.

A mostra, que iniciou a súa itinerancia en decembro de 2013 cunha primeira parada na propia sede parlamentaria, xa visitou as cidades da Coruña e de Ferrol, e a vila ourensá do Carballiño. Logo do seu paso por Celanova, en cuxa Casa do Concello se poderá visitar ata o vindeiro 30 de marzo, percorrerá ata finais de ano numerosos puntos da nosa xeografía. A vindeira parada será a cidade das Burgas.

25 de marzo de 2014 | 21:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.