publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Baltar asina a orde que autoriza a redacción do proxecto da estrada de acceso a San Vicente de Leira

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou a orde que autoriza a redacción do proxecto relativo ao trazado de acceso ao núcleo de San Vicente de Leira (Carballeda de Valdeorras), sinatura que tivo lugar onte, o mesmo día en que a corporación provincial aprobou en sesión plenaria unha moción sobre o arranxo da dita estrada OU-0807 a San Vicente de Leira.

Manuel Baltar asinou a providencia de incoación de expediente de contratación e o decreto referido ao proxecto, por medio de cal se autoriza o gasto derivado deste expediente, por importe de 189.002 euros, e dispón a apertura da fase de adxudicación mediante procedemento aberto e en trámite ordinario.

Onte mesmo, o pleno da Deputación de Ourense aprobou unha moción sobre o arranxo da citada estrada, na que se acordaba constituír un grupo de traballo para o estudo específico desta problemática, composto por un representante de cada grupo político na Deputación de Ourense, convidando tamén a participar a un representante de cada grupo político do Concello de Vilamartín de Valdeorras.

Outro dos acordos era que no prazo de dez días se licitaría a elaboración dun proxecto –cuxo decreto ben de asinar Manuel Baltar- de trazado que contemple unha solución definitiva que garanta a accesibilidade en condicións de seguridade das veciñas e veciños ao núcleo de San Vicente. O dito proxecto de trazado someterase a información pública coa garantía da participación dese proceso das veciñas e veciños.

E finalmente a moción aprobada sinalaba requirir á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que, no prazo máximo de dez días, se pronuncie sobre o cumprimento da normativa medioambiental das alternativas de trazado remitidas pola Deputación”.

1 de marzo de 2014 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.