publicidade hoxe

Autorízase a rehabilitación dunha edificación abandonada de Vilalba para convertela en residencia da terceira idade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoVilalba
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, vén de outorgar ao centro residencial O Rañego SL, a autorización da comunidade autónoma en solo rústico, prevista no artigo 41 da LOUG, para a rehabilitación do edificio destinado a residencia asistida de persoas maiores.

As instalacións atópanse nunha parcela de 10.935 m2, no lugar de Penas Corveiras, na parroquia de Sancovade, no Concello de Vilalba.

O obxecto de intervención é a rehabilitación, adecuación da contorna e cambio de uso da edificación, dedicada no seu día a actividades do sector lácteo e que na actualidade, atópase en estado de abandono. Trátase da antiga Queixería de San Simón, edificación de singular valor arquitectónico inaugurada en 1951 que deu orixe a denominación do mesmo nome. Tras as obras de acondicionamento, o seu próximo uso será un centro de maiores de iniciativa privada, co conseguinte beneficio e mellora urbanística para a zona.

Para desenvolver o novo uso é preciso conservar os volumes anteriores ás ampliacións realizadas a partires do ano 1970, que son as que teñen un valor tradicional e de singular interese arquitectónico – industrial e demoler todos aqueles volumes posteriores, que desvirtúan a tipoloxía industrial con valor arquitectónico. Realizaranse ampliacións de superficie e volume que supoñen un 6 % do conxunto dos edificios con singular valor arquitectónico, sendo este aumento de volume inferior ao 10%, o que permite o artigo 40º da Lei 9/2002 de Ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A citada normativa permite en calquera categoría de solo rústico, logo da autorización autonómica, a reconstrución e rehabilitación das edificacións tradicionais ou de singular valor arquitectónico, que poderán ser destinadas a vivenda e usos residenciais, actividades turísticas e artesanais ou equipamentos de interese público.

O conxunto das edificacións conta cunha edificabilidade de 4.386 m2, polo que poderán ampliarse ata 5.005 m2 (6%+), sendo, segundo o proxecto obxecto desta autorización autonómica a ocupación máxima da parcela do 26%.

Obras de rehabilitación

A edificación proxectada consta de dous bloques, un principal para a residencia e outro de menores dimensións, para servizos como oficinas, tanatorio, vestiarios ou apartamentos individuais distribuídos en planta alta, baixa e -1, -2 e -3. Coas accións proxectadas preténdese dotar os edificios dos equipamentos propios para desenvolver a actividade correspondente, aproveitando tamén as condicións naturais da parcela para unha serie de servizos complementarios como xardíns, accesos e aparcadoiros, tanto para os residentes como para as posibles visitas.

As obras a realizar consisten na demolición da parte da edificación, en especial a que se atopa máis próxima ao río Magdalena, coa eliminación de antigos condutos municipais de saneamento. Derríbanse todas as edificacións realizadas con posterioridade ao ano 1970. Logo rehabilitarase o resto do edificio, remarcando que se atopa a unha distancia superior a 5.00 metros do borde do leito do río e que o subministro de auga é a través do servizo municipal e que os vertidos xerados serán recollidos polo sistema de saneamento local.

Fundamentos xurídicos

O planeamento vixente no Concello de Vilalba son unhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente en data 25 de setembro de 1991, polo que é de aplicación o réxime establecido na disposición transitoria primeira da LOUG ao tratarse dun planeamento non adaptado. A parcela de referencia está clasificada no planeamento vixente como solo rústico de protección de augas.

A actuación pretendida cumpre coas condicións de uso e edificación establecidas no planeamento vixente. Cómpre lembrar que a competencia para resolver sobre as solicitudes de autorización autonómica en solo rústico correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

27 de marzo de 2014 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.