publicidade hoxe

Arrancan as obras de urbanización da rúa Bernardo Sagasta, na PO-220, ao seu paso por Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cuntis co obxectivo de comprobar o inicio das obras de urbanización da rúa Bernardo Sagasta, acompañado polo rexedor da localidade, Antonio Pena.

Na visita tamén estivo presente o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Trátase da mellora dun treito da estrada PO-220 (Pino – Cuntis) ao seu paso por este concello pontevedrés, adxudicada á empresa Crespo por un importe de 350.453 euros.

A estrada PO-220 encádrase dentro da Rede Secundaria da Xunta de Galicia e na actualidade o tramo da rúa Bernardo Sagasta presenta unha serie de carencias que inflúen na seguridade viaria do peón e vehículos que transitan por ela.

Segundo explicou Cores Tourís, “esta rúa atópase no casco histórico de Cuntis, polo que o seu acondicionamento incidirán favorablemente no desenvolvemento do municipio e benestar dos case 5.000 habitantes de Cuntis, así como na potenciación do seu turismo termal, xa que ao ano, este concello recibe máis de 8.500 visitantes”.

O alcalde, Antonio Pena, agradeceu a colaboración e sensibilidade da Xunta “na execución dunha demanda histórica dos veciños de Cuntis. Non podemos esquecer que se trata da entrada histórica ao balneario”.

Traballos de mellora

O treito a reparar abarca un total de 310 metros de lonxitude. Trátase dunha rúa que discorre no seu treito inicial polo casco de Cuntis, no que se rexistra unha salientable demanda de aparcamento. Sen embargo, o ancho dispoñible da calzada non permite o aparcamento mais o cruzamento dos vehículos en condicións seguras. Ademais, as beirarrúas se atopan en mal estado de conservación e presentan longos inferiores aos recomendados na normativa de accesibilidade.

Para solucionar estes problemas, modificarase o reparto da sección transversal da rúa, habilitando beirarrúas con longos axeitados, banda de aparcamento e un carril coa anchura recomendable, para o que será necesario habilitar na calzada un único sentido de circulación (o de entrada cara o núcleo histórico). Ademais, renovarase o firme da calzada.

As obras terán unha duración estimada de seis meses. Durante as primeiras semanas de obra manteranse na rúa Sagasta os dous sentidos de circulación. A Axencia Galega de Infraestruturas informará coa debida antelación ao concello e aos usuarios, no momento no que o avance dos traballos faga necesario restrinxir o tráfico na rúa a un único sentido de circulación.

Coma actuacións complementarias, recolocaranse os actuais báculos de iluminación que sexa necesario, e acometeranse algunhas melloras no sistema recollida de augas pluviais. Finalmente procederase a humanización da estrada coa colocación de zonas axardinadas e mobiliario urbano, cun tratamento acorde ás características do casco histórico, colaborando deste xeito a incrementar o potencial turístico do núcleo.

Con estas actuacións, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ofrece aos cidadáns unha rede viaria cómoda e segura, axeitada ás demandas do núcleo.

18 de marzo de 2014 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.