publicidade hoxe

AFAL ofrecerá as claves para detectar o Alzheimer a través dunha charla en Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

”Que é o Alzhéimer e como detectalo?” é a lema baixo o que AFAL Ferrolterra impartirá unha charla formativa o vindeiro martes nas instalacións da Escola Laica de Cabanas. Será o pedagogo Jesús Vitoria, colaborador da asociación, quen ofreza todas as claves ao redor da enfermidade nunha iniciativa que forma parte do Programa Rede Paraugas Alzheimer que promove e financia a Fundación Barrié e Fagal (Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias). A charla, con entrada libre e gratuíta, dará comezo ás 11 horas.

O Programa Rede Paraugas Alzheimer ten por obxectivos fomentar a capacitación e mellorar a calidade de vida das familias coidadoras de familiares con algunha demencia no rural galego; reforzar a solidariedade entre os membros das familias mediante o achegamento dos mozos á realidade das persoas maiores, e aliviar a presión das familias coidadoras e axudalas directamente a manterse nos programas de estimulación necesarios para evitar o seu illamento e a diminución da súa calidade de vida.

O programa desenvólvese a nivel autonómico, entre maio de 2013 e decembro de 2014 e ten unha dotación económica total de 135.690 euros (a Fundación Barrié achega 100.000 euros e FAGAL 35.690 euros).

A charla formativa do próximo 18 de marzo ten como principal finalidade detectar necesidades e familias afectadas para resolver as súas dúbidas ao redor da doenza.

14 de marzo de 2014 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.