publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achega preto de 7 millóns de euros para mellorar as explotacións gandeiras lucenses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreirosGaliciaLugo
A-
A+
Raquel Arias na Casa do Polo

Raquel Arias na Casa do Polo

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou hoxe o “o pulo do Executivo galego” para promover “a progresiva modernización” das granxas da provincia de Lugo a través dos plans de melloras das explotacións agrogandeiras.

Arias fixo estas declaracións no marco da visita que realizou hoxe á granxa Casa de Polo, no municipio de Barreiros, na que se están a desenvolver traballos de mellora a través das achegas dispostas pola Consellería do Medio Rural e do Mar nos últimos meses. A través destas axudas, a delegada territorial recordou que 227 explotacións da provincia lucense -12 delas, situadas na Mariña de Lugo- contan co apoio económico do departamento autonómico para acometer melloras nas súas instalacións, para o que reciben un investimento total de preto de 7 millóns de euros (6.891.348 euros).

A representante do Executivo galego destacou que as achegas aprobadas polo departamento autonómico de Medio Rural favorecen, como é no caso desta explotación barreirense, “a mellora da competitividade do sector agrícola, impulsando a renovación das granxas e progresiva modernización do sector con melloras en tecnoloxía e nas propias instalacións”.

No caso da Casa de Polo, mediante as axudas dispostas pola Consellería do Medio Rural finánciase a ampliación das instalacións da explotación cun alpendre unha fosa de xurro e a instalación dun variador de frecuencia e un sistema de xestión intelixente de consumo enerxético.

Esta explotación, xestionada por tres socios, está orientada ao vacún de leite e conta cunha cota leiteira de 783.000 quilos e unha produción na última campaña de algo máis de 900.000 quilos en produción final.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, indicou que con estas achegas “actúase de xeito importante nun dos motores do desenvolvemento da provincia, como é actividade no rural de Lugo”.

A delegada fixo fincapé “no importante esforzo e no compromiso do Executivo galego para promover a modernización do sector tanto no ámbito persoal como no referente a instalacións e loxística” e sinalou que, no conxunto da comunidade, a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou para estas axudas para plans de mellora e incorporación de mozos á actividade agraria unha partida de preto de 21 millóns de euros.

6 de marzo de 2014 | 15:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.