publicidade hoxe

A restauración das pinturas murais da igrexa do Mosteiro de San Clodio de Leiro ascendeu aos 50.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLeiroLocal PortadaOurense
A-
A+
Vázquez Abad na visita ao Mosteiro

Vázquez Abad na visita ao Mosteiro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o Mosteiro de San Clodio de Leiro para comprobar o estado da restauración das pinturas murais da ábsida da igrexa de Santa María, onde a Xunta investiu 49.795 euros. Segú n os estudos que se están a realizar neste momento, estas pinturas poderían datarse nos séculos XV e XVI.

Os traballos executados consistiron na restauración da pintura mural oculta tralo retablo maior. O primeiro paso que se tomou antes de comezar as obras foi a elaboración de mapas de estado de conservación, a realización de controis temporais de temperatura e humidade, e a limpeza de paramentos. A continuación consolidáronse e repuxéronse os morteiros, levouse a cabo unha reintegración cromática, tratáronse os enreixados, recuperáronse as fábricas, e finalmente instalouse unha iluminación ornamental.

Vázquez Abad confirmou o excelente estado das pinturas murais trala restauración e asegurou que con esta actuación “demóstrase que o compromiso da Xunta de Galicia coa recuperación do patrimonio histórico é claro e firme”. Na súa visita a este Ben de Interese Cultural o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.

Monumento Histórico Artístico

O Mosteiro de San Clodio foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional en 1931. A súa orixe non está totalmente clara. Algunhas fontes sitúano no século VI, aínda que paro outros estudosos foi fundado no século X. A igrexa de Santa María, que se atopa anexa ao mosteiro, é de estilo gótico cisterciense (data de finais do século XII – principios século XIII) e conta con tres ábsidas en correspondencia coas naves. A imaxe da Virxe ocupa o retablo maior, no que aparece rodeada de santos e santas das ordes que nalgún momento ocuparon o mosteiro. É destacable a fachada barroca do antigo palacio abacial.

A residencia monacal é do século XVI, e os claustros son dos séculos XVI e XVII. Na fachada do mosteiro pódese ver a cruz de Caravaca, coñecida como ‘Divina Reliquia’ e venerada polos aldeáns para protexer as vides da sarabia. A fachada é un dos escasos exemplos en Galicia deste elemento cisterciense, xunto coas de Armenteira e Meira (Lugo), onde tamén interveu a Consellería de Educación e Cultura.

Biblioteca municipal

O conselleiro visitou hoxe tamén a biblioteca municipal de Leiro, tras as obras realizadas para a renovación da súa cuberta, ás que a Consellería achegou 17.000 euros, case a totalidade do investimento, solucionando así os problemas de goteiras.

Ademais esta biblioteca ten recibido máis de 1.700 euros axudas da Consellería para a mellora da súa colección, así como para a súa participación no programa Ler conta moito 2014, de actividades de dinamización da lectura.

“Estas actuacións –dixo- derínvase do noso compromiso co equipamento e mellora dos espazos culturais municipais, especialmente en casos coma este, no que xogan un importantísimo papel como dinamizadores culturais do rural galego”.

3 de marzo de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.